28 Marzo 2019, 19:00

http://istoenormal.org/images/704.jpg

DE CORPOS PRESENTES. CICLO ARREDOR DAS ARTES PERFORMATIVAS. Do 28 de marzo ao 30 de abril

A memoria é hoxe. Conversa e lectura colectiva con Manu Lago, creador do Arquivo online da danza contemporánea de Galicia

Manu Lago, xestor cultural que traballa para compañías e festivais baixo a marca “Galicia Danza Contemporánea”, é creador entre outros proxectos do “Arquivo online da danza contemporánea de Galicia”, unha web que foi aberta públicamente en abril de 2018. O proxecto procura recoller a memoria recente da danza contemporánea no noso territorio, documentando institucións, creadores, obras, cifras de produción e de espazos de circulación… Centos de rexistros que foron recollidos dende unha iniciativa independente, deixando en evidencia a falta de atención institucional para con a memoria e o presente das artes máis efémeras.

A lectura e debate públicos arredor dun arquivo como este constitúen unha chamada de atención sobre como a propia comunidade artística, por desexo e/ou por necesidade, estase a facer cargo de garantizar á sociedade o acceso a este tipo de cultura, pero tamén sobre como isto se converte nun modo de manter a independencia dos relatos.

A través do convite a varias persoas, profesionais das artes performativas en Galicia, faremos unha lectura colectiva do Arquivo, relacionando a memoria alí recollida cas memoriais propias de cada persoa convidada, e abrindo tamén o debate a todas as asistentes. Como e cando construimos a memoria da danza? Que podemos facer dende o presente para que non se perda a nosa pegada? Procuramos reflexionar xuntas sobre a importancia de (re)coñecernos, de conservar a nosa memoria creativa, de manter a independencia dos relatos, e de aprender a partir da súa lectura.

Datas: 28 de marzo de 2019.
Horario: 19:00 a 20:00 horas.
Lugar: CUBO de NORMAL. Entrada de balde.

A INTERNACIONALIZACIÓN DAS ARTES PERFORMATIVAS. Obradoiro para produtores e artistas con Sara Machado, directora de produción e relacións internacionais do Festival Cumplicidades (Lisboa) e coordinadora de Performing Arts Portugal.

Tralo momento “eureka” xorden a miúdo moitas cuestións: a quen vai interesar este proxecto e como facelo viable? Quen serán e onde poden estar as miñas potenciais parcerías? Tomando como base os proxectos e desafios cos que se confrontan os participantes desta formación serán partilladas ferramentas, recursos e contactos.

Sara Machado é Licenciada en Ciência da Informação pola Universidade do Porto. Obtivo a bolsa Erasmus na Royal School of Information Science em Copenhague, Dinamarca. Ampliou os seus estudos con o Máster en Gestión Cultural da Universidad Carlos III de Madrid e traballou no Ministerio de Cultura de España a través do programa InovArt. Na ECF – European Cultural Foundation (Ámsterdam, Holanda), especializouse nas cuestións de mobilidade artística e cooperación cultural. Foi directora de produción da EIRA (Lisboa), unha estrutura artística dedicada ao desenvolvemento da danza contemporánea, especializándose en estratexias de internacionalización. Em Bruxelas, desenvolveu na Pearle* Live Performance Europe un proxecto de investigación sobre Diplomacia Cultural. Actualmente, é directora de produción e relacións internacionais no CUMPLICIDADES – Festival Internacional de Dança Contemporânea de Lisboa e Coordinadora xeral do PERFORMING ARTS PORTUGAL.

Duración: 4 horas, con inscrición previa: cultura.coruna@udc.gal

Datas: 23 de abril de 2019.
Horario: 16:00 a 20:00 horas.
Lugar: ALMACEN de NORMAL. Entrada de balde.

#SPANISHWASHING. PERFORMATIVIDADES INSTITUCIONAIS

Mesa de traballo con Begoña Cuquejo e Matías Daporta (AAHPICA)

  • Mesa de traballo: de 16.00 a 19.00, Sala de reunións, NORMAL. Con inscrición previa enviando un correo a: cultura.coruna@udc.gal. A participación é gratuita.
  • Presentación pública: de 19.00 a 20.00h, Auditorio, NORMAL. Entrada libre.

Begoña Cuquejo e Matías Daporta son artistas que viven entre distintas cidades europeas e traballan xuntos dende o 2010, asesorando cada un deles o traballo do outro. #spanishwashing é a súa primeira colaboración horizontal, ca que crean a AAHPICA (Asociación de Afectados por la Homogeneización del Patrimonio Inmaterial Cultural Actual), como instrumento a través do cal executan as actividades do proxecto: dende a realización de talleres artísticos ata a interposición de recursos ou instancias. #spanishwashing é un proxecto de investigación sobre a homoxeneización cultural que traballa por atopar unha vía de acción entre o artístico, o activismo e o social, para a defensa dos dereitos culturais que están a ser vulnerados no contexto actual. O seu traballo enfócase no aspecto inmaterial da cultura e da arte, unha cualidade non suficientemente recoñecida no ámbito xurídico nen no social. É este espazo sen definición clara o que toman como lugar de reflexión, crítica e acción. “Xogamos cas posibilidades que ten un cidadán de mover a maquinaria institucional para xerar cambios, e co potencial poético destes procesos burocráticos. Interésanos a idea de presentar a cultura como ‘víctima’ e a homoxeneización cultural como un asunto grave a tratar e tutelar, e polo tanto entender que a vía xudicial pode converterse no noso espazo de acción, tamén como artistas. ”

En colaboración con De corpos presentes, organizamos unha mesa de traballo teórico-práctica, para reflexionar sobre os procesos contemporáneos de homoxeneización cultural, a idea de patrimonio inmaterial actual e o espazo legal para defendelo, que tentaremos facer efectivo. A participación nesta mesa de traballo require inscrición previa. Ao finalizar, farase unha presentación pública dos resultados, aberta a toda persoa interesada.

Datas: 30 de abril de 2019.
Horario: 16:00 a 20:00 horas.
Lugar: ALMACEN de NORMAL. Entrada de balde.

Sinopse-invitación
Gustaríanos convidarvos ao evento de “Patrimonialización colectiva da Investigación en Artes Vivas”. O día 3 de Maio a partir das 16h en Normal (Paseo Ronda 47, 15011 A Coruña) dentro do ciclo De Corpos Presentes.

Propoñemos redactar colectivamente a candidatura de patrimonialización da Investigación en Artes Vivas ao inventario do Patrimonio Inmaterial de Galiza e España. Será unha mesa de traballo de tres horas aproximadamente na que esperamos controverter os procesos de patrimonialización, así como discutir as súas potencialidades políticas.

Estamos a convidar a profesionais que pertenzan aos diferentes ámbitos laborais/culturais; entendendo que o proxecto se aproxima á cultura de maneira transversal, en especial cando nos referimos á cultura intanxible, inmaterial e invisíbel.

Este xesto entre político e poético forma parte dun proxeto de investigación maior chamado #spanishwashing, arredor da homoxeneización cultural contemporánea.

Se non puideses participar na mesa de traballo, invitámosche a achegarte ás 19:00 onde exporemos o texto ratificado polas asistentes, e poñeremos este en relación coas outras accións pasadas e futuras da nosa investigación.

Para o grupo de traballo o espazo é limitado e polo tanto rogámosvos que nos confirmes tu asistencia no mail cultura.coruna@udc.gal / aahpica@gmail.com. Ogallá sexa do teu interese e poidas acudir. Así mesmo, síntete ceibe de recomendar este evento a quén atopes que lle poida resultar interesante.