12 Febreiro 2019, 23:59

http://istoenormal.org/images/685.jpg

Exposición de Clemente Bernard na Facultade de Dereito. Do 23 de xaneiro ao 12 de febreiro

O cárcere de Carabanchel: símbolo da represión

Ao finalizar a guerra civil, as autoridades franquistas plantexáronse a creación dun novo cárcere en Madrid, debido á gran cantidade de prisioneiros de guerra e á deterioración doutros cárceres tras os bombardeos. O cárcere de Carabanchel foi construída entre 1940 e 1944 por máis de 1.000 prisioneiros en réxime de traballos forzados. Inaugurouno o 22 de xuño de 1944 o Ministro de Xustiza, o falanxista Eduardo Aunós.

Dende entón converteuse nun dos símbolos da represión da ditadura franquista. Foron miles os antifascistas que pasaron por ela, represaliados polas súas ideas políticas ou pola súa orientación sexual, e moitos deles foron executados entre os seus muros. Tras eles, as condicións de vida eran terroríficas. Torturábase, illábase aos prisioneiros indefinidamente, as súas condicións alimentarias, hixiénicas e sanitarias eran deplorables, as comunicacións cos familiares eran intervidas, vixiadas e censuradas. Os últimos asasinados polo réxime franquista pasaron nela a súa última noite, antes de ser conducidos ao Hoyo de Manzanares para o seu fusilamento.

Tras a morte de Franco e as sucesivas amnistías para os chamados presos políticos, aqueles que quedaron encarcelados sentironse discriminados porque tamén eles foran vítimas dun réxime ditatorial e dunhas leis fascistas. Organizáronse ao redor da COPEL e protagonizaron unha intensa loita reclamando liberdade e un cambio radical do sistema penal.

O proxecto fotográfico de Clemente Bernard

A prisión pechouse en 1998 e quedou abandonada. Foi derrubada en outubro de 2008, tras vans intentos por conservar algunhas das suas partes, para que se construíse un hospital, ou para que fose transformada nun centro para a recuperación da memoria histórica.

Estas fotografías tomáronse en novembro de 1998, apenas unha semana despois do traslado dos presos a outras prisións. As pegadas do lugar evidéncianse na súa obra. O cárcere é un lugar simbólico da represión e un lugar na historia da memoria.

Clemente Bernad (Pamplona/ Iruñe, 1963). Licenciado en Belas Artes (UCB). Fotógrafo e cineasta documentalista dende 1986, cun forte interese polas temáticas sociais e políticas dentro da sua contorna cultural máis próxima. Entre os seus traballos destacan Jornaleros, Mujeres sin tierra, Pobres de nosotros, Canopus, o libro e a película documental El sueño de Malika, Basque chronicles, sobre ou conflito político de Euskal Herria, e Donde habita el recuerdo, sobre as exhumacións das fosas da guerra civil española. Na actualidade traballa sobre a presente situación sociopolítica e desenvolve a súa actividade como profesional independente, nun amplo sentido do termo.

Coordinadora: Carmen García-Rodeja

Comisaria: Mónica Borrás

Do 23 de xaneiro até o 12 de febreiro de 2019 no vestíbulo da facultade