12 Decembro 2018, 20:00

http://istoenormal.org/images/676.jpg

Exposición de Eduardo Hermida en Normal. Do 12 de decembro ao 26 de xaneiro

Eduardo Hermida procura nesta exposición un diálogo entre a pintura matérica e a fotografía, unha conclusión á que chega despois de camiñar na linguaxe do Pop Art durante os últimos 25 anos. O círculo como simbolismo representativo da eternidade, a plenitude e o absoluto é o eixe sobre o que xira a mostra creando unha coherencia expositiva que une cada obra coa anterior.

A relación do artista co seu espazo vital (o barrio) é un elemento fundamental no seu traballo. A intervención artística As Meninas de Canido foi a mellor mostra do amor que profesa o autor polo que el considera A súa patria. Unha intervención que puxo o nome de Ferrol entre os mellores festivais de arte urbana ao reunir máis de 1.200 artistas entre os anos 2008 e 2018.

O termo dado por Luis Rapela ao concepto Estudiobarrio define a espiritualidade do obradoiro do artista en que se unen esa dependencia cara ao barrio en que vive, as súas xentes e o día a día, co oficio de pintor nese espazo máxico que é o seu estudio.

Unha exposición en que Hermida acada a plenitude da súa condición de “poliartista” onde a música, a pintura, a escultura e a fotografía forman un só corpo e nos describen a arte e o oficio que moldea a súa figura facendo da vida a súa propia obra.

Comisario : Luis Rapela . Madrid
Maquetación : Spela Trobec . Eslovenia
Fotografias : Jorge Meis . Ferrol
Textos : Marta Corral . Ferrol