12 Decembro 2018, 12:00

http://istoenormal.org/images/679.jpg

Exposición #emblemas XXI, texto e imaxe. Do 12 de decembro ao 31 de xaneiro no Pavillón de Estudantes

A mostra forma parte da fase de difusión do proxecto cultural co mesmo nome subvencionado polo Grupo Xerminal con orzamento do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE} do Concello da Coruña.

Dirixido por Sandra Peñasco González abriu as portas a persoas novas da cidade do eido da palabra escrita e da creación de imaxes co fín de darlles a coñecer unha forma de expresión en parte esquecida, a Emblemática, xunto coa oportunidade de crecer artisticamente e poñerse en contacto con xente de intereses similares.

Na exposición súmanse dous tipos de obra: por unha banda, a correspondente á sección Emblemas en familia, na que participan unha nena e un neno do CEIP Karbo xunto coas súas nais e, por outra, a de tres colaboradoras profesionais convidadas: a escritora e debuxante Alicia Louzao, a premiada escritora de literatura infantil e xuvenil Andrea Maceiras Lafuente e a recoñecida oleira Fani Sánchez Barreiro.

En canto ao groso das obras, están feitas por escritoras, escritores e artistas provenientes da Escola de Arte e Deseño Superior Pablo Picasso, das facultades de Ciencias da Educación e Filoloxía, da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e da Escola de Arquitectura da Universitat Politecnica de Catalunya. Todos eles adaptaron os contidos e as formas emblemáticas ao panorama actual da imaxe e da palabra ofrecendo resultados moi variados.