23 Outubro 2018, 20:00

http://istoenormal.org/images/664.jpg

Manifesto Gutai. Concertos o 23 de outubro no Paraninfo da Universidade

Do Audible é un ciclo de concertos promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coa colaboración de Vertixe Sonora, que procura a normalización da escoita de música contemporánea no noso territorio. A investigación de puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento é o eixo central do ciclo, que busca favorecer o achegamento do público non especializado á creación artística contemporánea e a conquista dunha percepción musical máis consciente.

Do Audible achega en cada concerto unha experiencia singular e reveladora que devolve a escoita ao seu lugar, como acontecemento capital do entendemento humano. Rachar fronteiras e romper formatos. Ou crear outros novos. Mostrar o diálogo e a interacción entre disciplinas, a priori, afastadas. Do Audible constitúe un ciclo que evoluciona e que lle propón ao público novos desafíos.

O 23 de outubro o ciclo terá protagonismo no paraninfo da Universidade da Coruña. Sobre a composición material do son e o espazo que ocupa o feito sonoro versa a terceira proposta de Do Audible 2018, que nos enfronta coa dobre identidade música contemporánea / arte sonora en Manifesto Gutai

O ciclo descobre a paisaxe sonora da literatura musical dos últimos decenios, rastrexa as interaccións ocultas entre diferentes disciplinas ao longo da historia e afonda nas claves da creación musical de todos os tempos. Aviva a imaxinación, esperta a sensibilidade de públicos novos, procura acadar, na comunión da emoción e da
intelixencia, unha experiencia artística transcendente.

MANIFESTO GUTAI
Con Pablo Vergara e Volkmar Klien

Datas: 23 de outubro de 2018.
Horario: 20:00 horas.
Lugar: Paraninfo da Universidade

Programa:

Engraving on Bronze (2016-17) para 3 percusionistas
Into Open Noir (2015-16): nova versión revisada (2018)* para voz amplificada, guitarra eléctrica, saxofón e percusión.
Nova obra (2018) para voz amplificada, frauta, saxofón, percusión, guitarra eléctrica, violonchelo e contrabaixo.

Estreas absolutas, por encomenda de Vertixe Sonora.

No rexeitamento do virtual e nunha posición crítica cara ao desenvolvemento das sociedades dixitais e as novas tecnoloxías poderíase atopar, talvez, o xerme da recuperación da materialidade sonora como centro de gravidade do pensamento musical, que traslada o peso da creatividade á elección dos materiais e á súa manipulación. O son muta en materia e o compositor en escultor. O decisivo son as cualidades físicas e de produción do son.

De feito, e considerando a teoría cuántica, deixaría de ser esta cualidade corpórea do son unha abstracción útil. En efecto, se as partículas elementais da natureza, os fermións e os bosóns, son consideradas materia, tamén as vibracións do aire, como calquera entidade cuxa presenza nunha certa rexión do espazo-tempo, leva a que o tensor enerxía-impulso para a dita rexión sexa diferente a cero. E sería unha tarefa a desenvolver a nosa capacidade de escoitar o material, de percibir o espazo que ocupa o son, codificar a súa masa e o seu volume.

Esta nova concepción do sonoro como entidade vivente e tanxible terá inevitables consecuencias creativas. En calquera caso, demanda novas formas de relación. É a esperanza que abrigaba Jiro Yoshihara do grupo Gutai, xurdido a mediados dos anos cincuenta en Xapón, nunhas coordenadas completamente diferentes: “Se un deixa o material como é, presentándoo simplemente como material, este comeza entón a dicirnos algo con voz poderosa”.

Froito da súa persoal investigación sobre a materialidade sonora, o compositor Pablo Vergara publicou recentemente a tese Compondo liñas, na que reflexiona sobre a arqueoloxía antropolóxica das liñas de son, entendidas como sons continuos que cambian dunha maneira sutil pero perceptible (como un glissando ou un vibrato amplo e lento) e cuxo testemuño estético formula na triloxía que se presenta por primeira vez neste concerto en estrea mundial. Do mesmo xeito, a obra de Volkmar Klien, comisionada para a ocasión e cuxo rexistro estará presente en forma de instalación no vindeiro Modern Wien, presenta na súa dobre identidade (música contemporánea / arte sonora) unha dislocación característica da nosa época.

Vertixe Sonora [intérpretes neste concerto] Peyee Chen, soprano | Clara Saleiro, frauta | Pablo
Coello, saxofón | Rubén Barros, guitarra eléctrica | Thomas Pel, violoncello | Carlos Méndez,
contrabaixo | Diego Ventoso, Antonio Ocampo, Pablo Salgueiro, percusión