4 October 2016, 20:00

O ollo da Arte I
Obradoiro de creación artística onde coñecer, descubrir e compartir a práctica contemporánea, as derivas e os desbordamentos.
Para participar non se precisa ningunha experiencia previa e está destinado a todas as persoas que están interesadas no feito artístico, xa sexa desde o punto de vista do espectador como da acción. Neste obradoiro crearase a través dun programa definido, un espazo de convivencia ao redor da teoría e da práctica artística propoñendo ferramentas que axuden ao descubrimento do propio proceso e fomentando o desenvolvemento das capacidades e habilidades de cada participante.
Mergullando en disciplinas moi diversas que van desde a fotografía ao collage, do video á arte urbana, pasando por outras como a performance, o cinema e a literatura, en O ollo da Arte plantexamos un programa aberto que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ampliar referentes sendo máis conscientes do acto creativo, da experiencia, do debate e da aprendizaxe grupal tendo en conta as derivas e os desbordamentos.
Tod@s aqueles e aquelas que participen en O ollo da Arte I no primeiro cuadrimestre poderán continuar a experiencia no Ollo da Arte II. Laboratorio de Creación durante o segundo cuadrimestre. Entre outras cuestións, afondaremos nos contidos iniciados na primeira parte e plantexarase un laboratorio de creación, coa fin de crear un marco idóneo no que cada participante poida transitar o seu propio proceso artístico. Os traballos resultantes serán presentados a finais de xullo nunha Mostra aberta ao público en NORMAL.
Pódese coñecer un pouco máis de preto o universo de O ollo da Arte a través deste vídeo…)
O curso é impartido por Antía Otero. É licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Historia e Estética do Cinema pola Universidade de Valladolid e Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual de Artea, pola Universidade de Alcalá e o Reina Sofía. Como poeta é autora dos seguintes títulos: De porta un horizonte ( Premio Francisco Añón, 2003), O Son da Xordeira (Espiral Maior, 2003), RetroVisor (Xerais, 2010). No campo da creación escénica traballa a partir dun código híbrido entre diferentes disciplinas, creando propostas personais con textos propios. Imparte obradoiros artísticos e de escrita e na actualidade forma parte de varios colectivos de creación. Codirixe o proxecto cultural Apiario.
Datas: | todos os martes entre o 4 de outubro de 2016 e o 7 de febreiro de 2017. |
Horario: | de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total). |
Lugar: | Aula circular de NORMAL. |
Prezos: | 40€ estudantes / 60€ PAS e PDI / 80€ público xeral / 45€ persoas desempregadas ou con minusvalía |
Matrícula:
O prazo de matrícula e pagamento comprende do 19 ao 30 de setembro de 2016. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.
As incidencias da matrícula en liña nos obradoiros, serán atendidas no correo info@istoenormal.org ou no teléfono 881 014 502 en quenda de mañá.
Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 881 014 502 Mail: info@istoenormal.org