20 Xullo 2018, 19:30

http://istoenormal.org/images/655.jpg

O Soño Europeo: Serbia

Normal presenta este documental de Jaime Alekos, con presentación do autor e coloquio posterior.

Esta proxección será a despedida das actividades complementarias que acompañaron á exposición Éxodo, que remata o vindeiro día 26 de xullo.

Cando os países da ruta dos Balcáns pecharon as súas fronteiras a principios de 2016, miles de migrantes e refuxiados quedaron atrapados en Serbia.

Arredor de oito mil refuxiados e migrantes viven nos campos oficiais do goberno de Serbia, edificios abandonados e campamentos clandestinos, mentres agradan unha oportunidade para cruzar as fronteiras fortemente custodiadas da Unión Europea.

O 46% son menores de idade e un de cada tres viaxa sen a compañía dun adulto. Aqueles que intentaron cruzar ilegalmente a fronteira húngara, reportan malleiras e torturas sistemáticas antes de ser retornados “en quente” pola policía dese país.

Jaime Alekos (Madrid, 1985) é un recoñecido periodista independente e realizador especializado en dereitos humanos e maltrato animal. Traballa cubrindo temas de actualidade para axencias internacionais de noticias e cadeas de televisión.

Tamén produce, grava e edita os seus propios reportaxes e documentais. En 2018 recibiu un premio á excelencia na 75 edición do certame Picture of the Year International, pola súa investigación sobre as torturas da policía húngara a refuxiados e migrantes.

Nos últimos anos, a súa cobertura da crise financeira en España e da crise dos refuxiados en Grecia foi portada nos principais telexornais españois.

A súa cobertura dos desafiuzamentos durante a crise financeira aparece en Frágil Equilibrio, gañador do Goya á mellor película documental en 2017.

As súas reportaxes sobre maltrato animal en España foron publicadas en practicamente todos os medios de comunicación españois e foron mencionados no extranxeiro por The Associated Press, Politico e The Guardian, entre outros.

Datas: 20 de xullo de 2018.
Horario: de 19:30 a 20:30 horas.
Lugar: CUBO de NORMAL.