22 February 2017, 10:09

http://istoenormal.org/images/592.jpg

Obradoiro de investigación e experimentación en música drone

ZUNZÚN
Grupo de investigación e experimentación en Música Drone

Drone é reiteración, repetición contínua de sons. Malia que poida parecer un fenómeno contemporáneo asociado aos procesos industrias da vida urbana, o drone, o zunzún, o zunido, áchase na natureza dende os inicios da vida baseada no carbono, dende que a evolución deu coa enerxía acústica como forma de interacción entre seres vivos. Na natureza atopamos exemplos de drone tanto en procesos xeofónicos (chuvia, vento, mareas, etc.) como noutros relacionados coa supervivencia e a vida cotiá de especies animais e vexetais.

Neste obradoiro achegarémonos o drone como forma de expresión musical. Unha práctica que é tan antiga como a mesma humanidade. Atopamos exemplos de drone aplicado á experiencia musical en diversas tradicións culturais ao longo da xeografía planetaria: dende o roncón das gaitas en calquera das súas manifestacións identitarias, ata o son penetrante e oco do didjeridoo dos aborixes australianos, pasando pola tambura hindú, os cánticos difónicos propios de Mongolia e Asia Central ou mesmo no serialismo de vangarda de mediados do século XX. Pero tamén na vida urbana contemporánea que, desde finais do século XVIII e da man da chamada Revolución Industrial, incorporou nas súas contornas sonoras a presenza das automatizacións maquinais.

A idea central deste obradoiro, impartido polo músico e antropólogo Miguel Alonso Cambrón, é dar forma a un grupo de traballo arredor da práctica da drone music. Traballaremos cuestións relacionadas coas texturas sonoras e os ritmos, as formas de interpretación en función dos imaxinarios colectivos, a representación gráfica ou verbal dos sons para propósitos específicos alén do fundamentalismo academicista, e a súa transmisión oral cara ao entendemento entre executantes e audiencias posibles. Repasaremos algunhas das formas históricas do drone e, por enriba de todo, aprenderemos a practicalo colectivamente como forma musical en tódalas acepcións e achegamentos estilísticos posibles que nos poidan parecer interesantes. Combinaremos sesións teóricas e de debate con outras propiamente prácticas cara á elaboración dun proxecto escénico final.

Profesor: Miguel Alonso Cambrón, doutor en Antropoloxía Social e Cultural, músico, tradutor e técnico audiovisual. Especialista en fonografía social, etnografía sensible, fenomenoloxía urbana e método biográfico. Investigador e formador nos eidos da memoria histórica, o deseño gráfico e sonoro, e a etnomusicoloxía. Músico con máis de vinte anos de experiencia, presentou proxectos en festivais como o LEM, o IFI ou o LOOP nos eidos da música electroacústica, experimental, improvisación libre, glitch ou lo-fi.

Datas: todos os xoves entre o 9 de marzo de 2017 e o 1 de xuño de 2017.
Horario: de 18:00 a 20:30 horas (30 horas en total).
Lugar: Aula circular de NORMAL.
Prezos: 40€ estudantes / 60€ PAS e PDI / 80€ público xeral / 45€ persoas desempregadas ou con minusvalía

Matrícula:
O prazo de matrícula e pagamento comprende do 15 de febreiro ao 3 de marzo de 2017. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.
As incidencias da matrícula en liña nos obradoiros, serán atendidas no correo normal@udc.es ou nos teléfonos 881 014 502 e 881 014 518 en quenda de mañá.