2 Outubro 2018, 20:00

http://istoenormal.org/images/663.jpg

Proxecto Libertas. Exposición en Normal desde o 2 de outubro ao 30 de novembro

Proxecto Libertas é un deseño artístico, literario e pedagóxico, promovido polo Centro Pen Galicia e IMER (Instituto de Mediación Educativa de Ribeira), que ten como obxectivo principal pór en valor a fraxilidade do dereito de liberdade de expresión na literatura e no xornalismo.

Tres ingredientes, arte, literatura e Dereitos Humanos, bastaron para levar a cabo unha receita coa que axitar as conciencias en 75 países, xa que Libertas contou con unha plataforma privilexiada para chegar a tan amplo público: o 82º Congreso do PEN International celebrado en Ourense en 2016.
As mordazas impostas a Federico García Lorca, Ángel Cuadra, Liu Xiaobo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Jude Dibia, Susana Chávez, Orham Pamuk ou Mae Azango son a fonte de inspiración para que Olegario Sampedro cree a exposición artística que serve de eixo central de LIBERTAS, un traballo que pretende “non deixar indiferente a ninguén” e reivindicar a liberdade da palabra. Para iso, empregáronse formatos diversos e pouco comúns: gran formato, botellas, madeiras de mar, libros queimados, …
Cada unha das 9 instalacións expostas, representando a cada un dos autores homenaxeados, van acompañadas dun texto introdutorio elaborado ad hoc por coñecidos intelectuais e escritores: Margarita Ledo Andión, Laura García Lorca, Inma López Silva, María Xosé Queizán, Paco Lobatón, Manuel Rivas, Jennifer Clement, Eme Cartea, Bieito Iglesias e Xabier L. Marqués.
Para completar este proxecto, as docentes pertencentes ao IMER Ana A. Becerra, Beatriz Paz, Concha García, Mª Carmen G. Acebedo, Concha Sampedro, Montserrat M. Pampín, Pura Prado e Cecilia Lois elaboraron unha proposta didáctica na que centos de rapaces puideron traballar xa contidos didácticos sobre dereitos humanos.
Neste tempo, Libertas recalou en distintos concellos galegos, e mesmo en Guimaraes (Portugal) ao ser elixido o proxecto cultural representante de Galicia no programa bilateral Nortear 2017, coordinado pola Xunta de Galicia e a Direção Regional de Cultura do Norte, do Ministério da Cultura de Portugal. Así mesmo, a Fundación FAD seleccionou e fortaleceu este proxecto como finalista autonómico nos Premios Acción Magistral 2017.

Colectivos como o propio IMER, PEN Galicia, No Más Novatadas ou A Asociación pola Liberdade Afectivo Sexual da Coruña, desenvolverán un atractivo programa de actividades en torno a contidos como Igualdade, intersexualidade, feminismo, liberdade de expresión…