1 Agosto 2018 —

http://istoenormal.org/images/656.png

Crónica de maio. París 1968. Até o 10 de setembro

As revoltas de París de Maio do 68 na obra de Jesús Díaz Ferrer

A preocupación social foi unha constante dentro da pintura de Jesús Díaz Ferrer (O Barco de Valdeorras, Ourense, 1922 – Concud, Teruel, 2017). O interese do artista polos acontecementos e problemáticas que lle tocaron vivir acompañouno durante toda a súa vida e a súa dilatada traxectoria artística. Xa é apreciable cando a finais de 1939, con tan só 17 anos, chega a Madrid procedente do seu Valdeorras natal e atopa unha cidade coas feridas de guerra aínda sanguentas.

Nestes primeiros anos da súa carreira, os desfavorecidos e marxinados sociais, con frecuencia prostitutas e sen teito, comezaron a ser protagonistas de moitos dos seus lenzos. Neles non só queda reflectida a dura realidade da primeira posguerra, as perentorias miserias e necesidades que deixou o conflito tras de si, senón tamén o carácter e a personalidade de Díaz que lle impulsan a plasmalas.

En toda esta primeira etapa madrileña que dura ata o ano 1952, ademais da súa inmersión e experimentación en diversos campos da creación artística como o surrealismo, o postismo, o expresionismo ou o paisaxismo próximo á escola de Madrid, Díaz cultivou, paralelamente, esta pintura máis social á que lle abocaba a seu natural empatía, o seu innato desprezo polas desigualdades e por calquera tipo de violencia.

A súa chegada a París, o pulso cosmopolita da cidade e o seu carácter curioso incrementan as súas insaciables ansias de experimentación formal e estilística. Desenvolve a súa creatividade en campos tan diversos como a escultura en pedra, madeira, metais e arxila, creacións en novos materiais como o metacrilato, a fotografía, a ourivaría de ouro e prata, o ready made, o gravado, o collage fotográfico e un longo etcétera. Con todo, isto non foi en detrimento do seu interese por plasmar a realidade nos seus múltiples aspectos e facetas. Seguiu ao mesmo tempo imbuíndose nos ambientes máis populares e capturando a dura cotidianiedade de moitos parisienses, non só esmoleiros, senón tamén calquera persoa con formas de gañarse a vida especialmente duras.

Luís Enrique Rodríguez Arias, curador da exposición

Datas: até o 14 de setembro de 2018.
Horario: de 10:00 a 13:30 horas en agosto, de 11 a 21 horas en setembro.
Lugar: SALA DE EXPOSICIÓNS de NORMAL.