2 Outubro 2014, 18:00

http://istoenormal.org/images/453.jpg

2º ANDAR/ Javier Martín + Rut Balbís

O Segundo Andar recibe de novo a Javier Martín e Rut Balbís, que presentan dentro da mostra de artes vivas de NORMAL os seus espectáculos Fulcro e Que volvan as flores.

Artes do movemento
Fulcro
JAVIER MARTÍN
Artista convidado

A soas cos meus trazos provincianos, a pantasma dentro da pantasma. Sucederá como coa Medusa: vela unha vez e non se pode contar. Estou perdido; perdido de novo, outra vez. E todas estas retraccións son o alimento da pantasma, deus local. Só queda lidar con ela nos seu propios termos e nunca fun constante.
Queda desacreditado o acercamento científico a este tipo de procesos. Hai que discriminar o acercamento científico a favor dun integral.
Pracer pantasma. A pantasma interior.

Imaxes do paso de Javier Martín polo Segundo Andar de NORMAL

Javier Martín, performer e artista contemporáneo. Baila con artistas e científicos do panorama actual para desenvolver a sensibilidade no corpo e acadar unha maior conciencia do movemento, traballando todo o referente ao proceso creativo e a posta en escena. Na actualidade desenvolve a creación e interpretación das súas propias pezas, buscando o seu modo de facer.

Danza contemporánea
Que volvan as flores
RUT BALBÍS (Pisando Ovos)
Artista residente

Unha práctica onde crear imaxes no momento, unha peza que se reconstrúe cada vez que se fai. Partindo do concepto do desapego ás accións e baixo a rutina no refacer, enfrontámonos en cada exposición a un momento diferente facendo partícipe ao público do mesmo proceso de creación.

Imaxes do paso de Rut Balbís polo Segundo Andar de NORMAL.

Rut Balbís é creadora escénica, intérprete e docente de danza contemporánea. Licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, realiza o One Year Certificate in Contemporary Dance en The Place (Londres) e está desde o ano 2004 á fronte da súa formación, Pisando Ovos, coa cal obtivo o primeiro premio no XXI Certame Coreográfico de Madrid en novembro do 2007. Desenvolve o seu traballo docente na Aula de Danza NORMAL da UDC desde o 2005, ademais de formar parte de The Hunter Lodge, colectivo que se creou a partir do proxecto europeo Choreoroam 2012.