3 Outubro 2014, 18:00

http://istoenormal.org/images/454.jpg

2º ANDAR/ Marta Cuba+Miguel Alonso, Ánxela Blanco+Fabiana Corrêa e Carolina Fernández

A mostra Segundo Andar despídese por todo o alto cunha tripla sesión de arte e creación: Marta Cuba e Miguel Alonso presentan mo-Vernos (en busca del cuerpo perdido); Ánxela Blanco e Fabiana Corrêa, Olivia necesita verán e Carolina Fernández, Mi manera de hacer el indio.

Performance
mo-Vernos (en busca del cuerpo perdido)
MARTA CUBA + MIGUEL ALONSO
Artista residente e artista convidado

“Falta a miña vida, falto á miña vida… Mordín os beizos e non sabía que facer coas mans… Marchei co rostro que non atopo, que non recordo.” Alejandra Pizarnik.

mo-Vernos é unha peza que explora o movemento do corpo en conexión co movemento da alma. Mover a mirada e separala daquilo que fomos. Deter o corpo, e apreciar o movemento psíquico de que somos parte. Tiña tanto medo, que non sabía se avanzaba ou retrocedía.

Imaxes do paso de Marta Cuba e Miguel Alonso polo Segundo Andar de NORMAL.

Proceso aberto
Olivia necesita verán
ÁNXELA BLANCO + FABIANA CORRÊA
Artistas residentes

Observatorio escénico para a prevención da violencia e o fomento da tenrura e a intimidade (arte, reparación da memoria e xogo). Este proxecto naceu para interpelar os paseantes, crecido á luz do día e nos libros, abrimos as portas da sala de máquinas. No que foi o noso espazo de traballo durante meses desgreñaremos os planos, as prácticas, e tensaremos os lugares previstos desde esa experiencia performativa incontrolable que impón a vosa presenza.
“Naceu das ganas de xogar á guerra, ao repasar unha cicatriz calquera da memoria da miña avoa. Vaise expandindo en tenrura e intimidades. Foi de sentir violencia no aire, como un olor penetrante en toda unha cidade e un país”

Corpo: Ánxela Blanco
Imaxe: Fabiana Corrêa

Imaxes do paso de Ánxela Blanco e Fabiana Corrêa polo Segundo Andar de NORMAL.

Work in progress
Mi manera de hacer el indio
CAROLINA FERNÁNDEZ
Artista residente

“O home branco mirará abraiado como os seus fillos e fillas adoptan a maneira india que eles non quixeron aprender.” Proverbio Dakota.

É unha performance escénica que busca recuperar unha identidade ancestral renegada por unha civilización materialista e capitalista. A actriz dálle vida ao corpo morto dun indio a través da danza butoh. Esta primeira parte é unha pintura da ausencia, inspirada na recuperación da memoria dos indios norteamericanos. É unha procura dentro do territorio do inaprensible, do fráxil, do que bordea a desaparición.

Creación e interpretación: Carolina Fernández
Audiovisuais: Gael Herrera
Fotografías: Ana Kala.

Imaxes do paso de Carolina Fernández polo Segundo Andar de NORMAL.

———-

Marta Cuba traballa como deseñadora gráfica e paralelamente desenvolve unha faceta de creación experimental e de procura dunha linguaxe propia. A través das súas creacións gráficas e da danza como linguaxe de expresión, comeza a interesarse polo mundo da arte e das performances, ferramentas que permiten conectar as súas grandes paixóns. A arte conecta a vida coa alma e a alma é o contexto de todo o que existe.

Miguel Alonso é músico, etnógrafo e investigador. Formado en filoloxía e ciencias sociais. Desde principios dos noventa transitou por diversos estilos: rock, punk, blues, country, jazz, indietrónica, acusmática, paisaxe sonoraefield-recording, como intérprete, produtor e compositor. Entre os seus proxectos destaca a deconstrución do blues, folk e músicas étnicas de Rocket in My Pocket, o documentalismo ambiental de Sociophonic Database ou a electrónica rítmica baseada en loops de mglon. Actualmente combina esas tres facetas con outra máis tradicional que o sitúa como baixista de Los Santos, banda coruñesa de garage-rock.

Ánxela Blanco é unha artista escénica, de formación multidisciplinar ao tempo que autodidacta. Activista cultural en diferentes asociacións e colectivos. Traballa coma coreógrafa, profesora e intérprete, compaxinando a investigación propia coa colaboración con outras compañías e persoas.

O ollo de Fabiana Corrêa, artista de São Paulo, free-lance, móvese entre o próximo e o persoal nas diversas áreas da fotografía e tamén o vídeo: paisaxe, natureza, reportaxe social e artes escénicas fundamentalmente. Despois de traballar no Brasil, Chile, a Patagonia, España, Inglaterra, Francia e Portugal, instálase en Galicia, onde cofunda o colectivo mirevexa.

Carolina Fernández é creadora escénica e actriz. O seu traballo é unha exposición en vivo onde videocreacións, poesía, teatro, movemento e performance se combinan en busca dunha linguaxe propia. Ten actualmente dous traballos escénicos en activo, Nin príncipes nin hostias e Arquitecturas Interiores, e dous en creación, Mi manera de hacer el indio e Descubrindo a Chaplin.