22 Setembro 2014, 15:00

http://istoenormal.org/images/450.jpg

2º ANDAR/ Obradoiro de performance, con Violeta Luna

A artista mexicana Violeta Luna inaugura as actividades da mostra Segundo Andar con este obradoiro de performance, titulado Corpo/acción: camiños cara a unha cartografía persoal.

O taller está dirixido a estudantes e profesionais das artes vivas, performance, artes plásticas, teatro, danza e artes visuais, así como a calquera persoa interesada na arte-acción (performanceart) e en explorar a intersección do persoal, o teatral e o político a través de accións escénicas. Os participantes utilizarán o seu corpo como territorio de creación e desenvolverán accións a partir das súas complexidades persoais de memoria, identidade e sentido individual e social de raza, xénero e sexualidade.

Algúns dos temas que se abordarán son os seguintes:

- O corpo (exercicios vivenciais, presenza e enerxía interna).

- O espazo (relación co contorno, intervención de espazos públicos e privados).

- O tempo (real, ficticio e ritual).

- A acción(creación in situ, acción-reacción, estímulos reais e ficticios, interacción co público e manexo do accidente).

- Prácticas de acción, utilizando obxectos comúns.

Non é necesario ter experiencia ou coñecemento previo da performance, aínda que é recomendable.

Violeta Luna convida ás persoas interesadas en participar no obradoiro a escribirlle un parágrafo explicando as motivacións polas que teñen a intención de participar. É para ela unha maneira de achegarse ao grupo co que vai a traballar. Podedes envialo a actividades@istoenormal.org.
O taller é proposto como un proceso grupal e continuo, polo que se recomenda a asistencia durante os tres días de duración. As persoas participantes deberán presentarse con roupa cómoda para o traballo físico.

Violeta Luna é actriz, artista de performance e activista. O seu traballo explora a relación entre a performance, as artes vivas e o teatro comunitario. Traballando dentro dun espazo multidimensional que permite o cruzamento das fronteiras estéticas e conceptuais, utiliza o seu corpo como un territorio de preguntas e comentarios sobre os fenómenos sociais e políticos. Nada na Cidade de México, ingresou no Centro Universitario de Teatro da UNAM e na Casa del Teatro. Ten desenvolvido e desenvolve na actualidade a súa actividade artística e pedagóxica tanto en América Latina como en Europa, África e os Estados Unidos. Violeta Luna é artista asociada do Colectivo Interdisciplinario La Pocha Nostra, que dirixe Guillermo Gómez Peña, e é fundadora do colectivo de performance Secos & Mojados. É directora do Teatro de la Colectiva de Mujeres, grupo que leva a voz das traballadoras inmigrantes latinoamericanas ao escenario. Tamén forma parte do Magdalena Project, unha rede internacional de mulleres creadoras escénicas.

Datas: de luns 22 a mércores 24 de setembro
Horario: de 17:00 a 21:00 horas (12 horas en total)
Prezo: 10€
Participantes: 16 persoas máximo.

Matrícula:
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o 1 até o 18 de setembro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es