4 Decembro 2012, 20:30

http://istoenormal.org/images/292.jpg

A hostia en verso: poetas carnívoros vs. poetas veganos

Poetas carnívoros vs. poetas veganos. Esa é a suxerente carta de presentación que os Poetas da Hostia dan á versión do seu espectáculo A hostia en verso, que traen por primeira vez a NORMAL.

A hostia en verso é un recital fóra do común. Non se trata dun deses recitais onde o público é un obxecto pasivo senón que o seu papel é fundamental e case tan importante coma o dos poetas mesmos. A orixinalidade de A hostia en verso vén determinada por ser un espectáculo organizado coma un combate entre dous equipos de poetas.

Conducido por Lucía Aldao e María Lado, o recital Poetas carnívoros vs. poetas veganos enfrontará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, Nolim González, Xabier Xil Xardón, Estíbaliz Espinosa e Cesáreo Sánchez Iglesias nun duelo sen tregua. O elenco complétase coa música en vivo de Mig Seoane.

Este espectáculo esta inspirado nos poetry slam (competicións reais entre poetas), de gran difusión en Europa, pero entendido coma un combate de grupo, baseado nunha estrutura semellante a un match de improvisación teatral. De modo que ten moita poesía e algo de improvisación, pero sobre todo, unha importante participación do público, que cos seus votos escolle o equipo gañador.

A intención destes recitais-combate é a de achegar á poesía a un público que mira sempre receoso o acto lírico. Está pensado para combinar as tradicionais partes de lectura de textos con outras máis activas e posiblemente atractivas para un público non asiduo aos recitais e actos literarios. A música, a participación activa do espectador e o humor son os piares básicos que acompañan á verdadeira protagonista, que é a poesía, e sobre os que se asenta o espectáculo.

A hostia en verso foi deseñado polos poetas María Lado, Daniel Landesa e Ledicia Costas, que asinan as súas intervencións como Poetas da Hostia. A día de hoxe, organizaron preto dunha vintena de sesións en cidades como Vigo, Pontevedra, Donosti, Santiago de Compostela, Vitoria Gasteiz, Gondomar, Llodio, Aldán, etc.

A entrada é libre até completar aforamento.