17 Setembro 2014, 09:00

http://istoenormal.org/images/447.png

aRtropocode #summerlab 2014

Simbioses creativas entre corpo(s), tecnoloxía(s) e ecoloxía(s) é o título deste summerlab, un encontro aberto en que persoas creadoras, investigadoras e activistas se xuntan nun clima de cooperación e troco aberto, para compartir coñecementos (educación expandida) e desenvolver proxectos transdisciplinares (prototipado e produción) utilizando tecnoloxías e licenzas libres.

No aRtropocode 2014 contaremos cunha mestura de persoas e colectivos chegados de toda a Península e puntos internacionais, xunto a persoas e colectivos galegos, traballando en rede e potenciando o contexto local. O evento está integrado tamén no circuíto SummerofLabs, que comezou en xullo en Nantes e que concluirá en outubro en Casablanca.

A nivel de contidos en desenvolvemento, poderedes atopar investigacións en liñas experimentais, como a impresión dixital 3D orientada a próteses corporais, hardware libre orientado a un modelo aberto de ciencia, a revolución tecnolóxica da filosofía da diversidade funcional, ou propostas performativas que integran drons (vehículos aéreos non-tripulados) e sonifican o movemento dos corpos no espazo, por poñer algúns exemplos.

Nas ligazóns que incorporamos poderedes atopar máis información, alén do contacto para poder consultar dúbidas ou realizar as vosas achegas.

A asemblea é o espazo aberto onde se irán presentando as persoas que cheguen novas cada día. Tamén é onde decidiremos o programa completo do día (incluíndo presentacións ou workshops procedentes das mesas de traballo, ou de persoas que acaban de chegar.

PROGRAMA

17 SETEMBRO
11:00- Distribución do espazo para as mesas de traballo
12:00- Asemblea inicial
14:15- Comida
16:00- Desenvolvemento das mesas de traballo
22:00- Fin da sesión diúrna de traballo

18 SETEMBRO
11:00- Ioga
12:00- Asemblea
14:15- Comida
16:00- Desenvolvemento das mesas de traballo
22:00- Fin da sesión diúrna de traballo

19 SETEMBRO
11:00-Ioga
12:00-Asemblea
14:15-Comida
16:00-Desenvolvemento das mesas de traballo
22:00-Fin da sesión diúrna de traballo

20 SETEMBRO
11:00- Ioga
12:00- Asamblea
14:15- Comida
16:00- Desenvolvemento das mesas de traballo
19:00-Conexión en liña (streaming) coas xornadas do MUSAC (León)
19:30- Presentación das mesas de traballo.
22:00- Saída de NORMAL cara á festa de despedida.

21 SETEMBRO
Recollida e feche.

LISTAXE DE NODOS (MESAS DE TRABALLO), que poderá ser ampliada até e durante o propio evento:

Pornortopedia- Proxecto de deseño e auto-construción de próteses sexuais máis inclusivas. O imaxinario do posporno ampliado polo colectivo de diversidade funcional. Colectivo PostOp (Barcelona).

BioTranslab-OpenScience – Laboratorio de experimentación bio-elektro-química e biohacklab rural. Hardware libre, fitodepuración, bio-interacción e máis trebellos. Pechblenda Lab (Catalunya) e Trebelab (Chozas, Pontevedra).

Dance-J -Sonificación techno do movemento de corpos inmersos nunha interface espacial.X avi M.dAAX (Barcelona).

ArtropoKids- Investigación didáctica de recursos tecnolóxicos. Transversal ao aRtropocode. Tonecho Otero (Ludidáctica, A Coruña).

Drone-Fú -Interrelación das forzas gravitacionais entre drons (vehículo aéreo non-tripulado) e corpos. Lot Amorós (Barcelona/Gijón)

Arte en Rede -Procesos híbridos artísticos: redes físicas de colaboración e redes virtuais relacionais. Colectivo Lata Muda (Pontevedra).

Lab Rural -Dinamización encontros e espazos rurais de arte e tecnoloxía. Colectivo Lata Muda (Pontevedra) e Nuvem (Brasil).

Bricolab -Robótica, impresión dixital 3D, multicópteros e trebellos varios. Colectivo Bricolabs (A Coruña).

Exando una Mano- Autofabricación colectiva de próteses corporais de código aberto (impresión dixital 3D + electrónica).Colectivo La Residencia CC (Sevilla).

#datagarden – Ambiente colaborativo open-source en desenvolvemento para programar proxectos creativos baseados en sistemas paralelos, hetereoxéneos e distribuídos. Pedro Ângelo (Porto/Lisboa).

Básica Transmutación- Interrogación sobre a inmersión e a interactividade a partir dos vectores olfactivo e táctil. Aniara Rodado e Paula Vélez (París).

Ω -Composición coreográfica a tempo real dos significantes da lei de Ohm (intensidade, resistencia e diferenza de potencial). Nuria Sotelo e Clara Ferrao (Ourense/Vigo).

Kineo – Circuíto electrónico de baixo custo para interacción escénica entre corpos e procesos dixitais. Álvaro Muñozledo (Barcelona/A Coruña).