2 Febreiro 2012, 20:00

  • CUBO de NORMAL
  • Entrada libre e de balde
http://istoenormal.org/images/145.jpg
R.W. Fassbinder, As amargas bágoas de Petra von Kant (1972)

As amargas bágoas de Petra von Kant

Con este intenso drama escrito e dirixido por R.W. Fassbinder, un dos máis destacados representantes do chamado Novo cinema alemán, remata o ciclo Marcela e Elisa (á volta d) o lesbianismo no cinema.

Figura clave da Nova onda alemá dos anos sesenta (xunto con J. M. Straub, H. J. Syberberg, W. Herzog ou Win Wenders), Rainer Werner Fassbinder foi, a pesar da súa prematura morte (morreu con 36 anos en 1982), «case todo o novo cinema alemán», citando a célebre frase de Godard. Cineasta excesivo, prolífico, xenial, dirixiu máis de corenta e tres obras entre cinema e televisión, e puxo en marcha numerosas montaxes teatrais a través dos seus grupos AktionTheater (1967) e Antitheater (1969).

Precisamente na película que proxectamos, As amargas bágoas de Petra von Kant, a presenza do teatral –patente sobre todo na iluminación, nos decorados e na especial densidade dos diálogos– é tal que destrúe a ilusión de realismo que o xénero en que se inscribe demandaría. Así, este retrato claustrofóbico da relación de dúas mulleres en clave de melodrama é totalmente deconstruído, xa que Fassbinder densifica o espazo, contamínao, e converte os actores en viñetas ou cadros viventes.

Este efecto de alienación absoluta dos personaxes sitúa o espectador nun rol ben distinto ao do espectador do cinema clásico e transfórmao nun espectador reflexivo, distanciado. Así, mentres o espectador reflexiona sobre a súa propia posición ante o que ve, o filme fai una disección brillante dunha relación lésbica que, reproducindo os modelos de dominación capitalista, se basea na dominación sexual e na explotación económica. Non caben, xa que logo, as relacións de igualdade dentro da sociedade descrita.

Dirección e guión: Rainer Werner Fassbinder, segundo a súa obra teatral / Fotografía: Michael Ballhaus (Color, 35 mm, 1.33:1) / Montaxe: Thea Eymèsz / Música: temas musicais de Giuseppe Verdi, The Platters e The Walker Brothers / Dirección artística: Kurt Raab / Son: Gunther Kortwich / Produción: Tango Film, München / Duración: 119 minutos .

Intérpretes: Margit Carstensen (Petra von Kant), Hanna Schygulla (Karin Thimm), Irm Hermann (Marlene), Eva Mattes (Gabriele von Kant), Katrin Schaake (Sidonie von Grasenabb), Gisela Fackeldey (Valerie von Kant).