6 Novembro 2015, 18:00

http://istoenormal.org/images/557.jpg

As Virtudes: un arquivo itinerante

NORMAL acolle o evento de presentación do cuarto experimento As Virtudes, ao tempo que aloxa a primeira parada do arquivo itinerante de proxecto de Bartlebooth.

É posible cartografar o presente usando mecanismos aparentemente obsoletos? Podemos chegar a interpretar a contemporaneidade baseándonos exclusivamente nun elemento pretérito como método de estudo? A través de corenta valores, a sociedade romana era capaz de se recoñecer tanto na esfera pública como na privada. Estes atributos permítennos, desde o presente, entender e explicar o modelo de sociedade que pretendían configurar. Seguimos a ser capaces de nos ver reflectidos nelas ou pola contra é necesario reformulalas?

As Virtudes: un arquivo itinerante será a primeira parada dunha serie de exposicións que aglutinarán as aportacións de corenta colaboradores para a edición física de Bartlebooth e unha inxente catidade de imaxes, escollidas polos propios lectores. Cada unha delas vencellada a unha virtude, dialogan ou se opoñen entre si e son capaces de expresar as diferenzas entre os distintos puntos de vista. O evento servirá de presentación do número, establecendo un diálogo a tres bandas entre os asistentes, os colaboradores e os contidos.

Bartlebooth é unha publicación física, un xogo, un puzzle, un proxecto que sae da suma de diferentes inquedanzas personais. En cada número, un único tema transversal establece unhas regras de xogo, un taboleiro, unhas condicións de partida que determinan o resultado final da publicación.

A entrada é libre até completar a capacidade da sala.