12 Xuño 2015, 16:00

http://istoenormal.org/images/546.jpg

ATM/ Microfestival PERIFÉRICOS

NORMAL acolle este microfestival que pretende dar a oportunidade de coñecer diversos artistas e proxectos escénicos que envolven desde a música, a palabra, os novos medios e a experimentación. Participan Jesús Ge, Eloy Fernández Porta e Pedro Ramos.

Dirixido a todos os públicos interesados nas artes e na creatividade, PERIFÉRICOS é unha referencia á nosa condición de periferia artística e, asemade, unha alusión aos novos medios de produción artística. Toda unha xornada de eventos, con obradoiros de traballo en paralelo con Jesús Ge e Eloy Fernández Porta, previos ás súas actuacións, e tres actividades paralelas.

18:00 a 19:30 horas (Aula 2.2) – Workshop de Jesús Ge.
18:00 a 19:30 horas (Aula 2.3) – Workshop Eloy Fdernández Porta + Pedro Ramos.
20:00 a 21:00 horas (Tellado circular) – Eloy Fernández Porta combate con Pedro Ramos, Mainstream (son+micro).
21:00 a 21:30 horas (Sala circular) – Actuación de Jesús Ge.

JESÚS GE é mestre de escola e poeta. Participou en diferentes festivais de poesía, polipoesía e perfopoesía por todo o Estado español. Publicou o libro-CD Esto no es vanguardia, que recolle parte dos seus poemas escénicos e as aportacións críticas de diferentes autores e expertos en poesía. Os seus recitais combinan a forza escénica dos rapsodas e trovadores antigos coa contundencia da poesía comprometida de finais do século XX. A poesía sonora de Jesús Ge traballa desde as bases estruturais das vangardas de principio de século (Dadaísmo, Ruidismo, Futurismo) para desenvolver unha re-semantización que se achegue ás preocupacións actuais. No seu espectáculo Esto no es vanguardia, pretende abrir un espazo no que aparezan outras formas do discurso poético e do discurso político.

ELOY FERNÁNDEZ PORTA é doutor en Humanidades pola Universitat Pompeu Fabra, onde imparte cursos de Arte Contemporáneo. Publicou en Anagrama os libros de crítica cultural Afterpop, Homo Sampler, €®O$ (Premio Anagrama) e Emociónese así (Premio Ciudad de Barcelona) e foi traducido ao inglés, francés e portugués. No ámbito do spoken word, realizou diversas sesións baseadas nos seus ensaios e levou a cabo os proxectos Afterpop Fernández & Fernández (con Agustín Fernández Mallo) e Mainstream (con Jose Roselló). Colaborador de Rockdelux e Jot Down, os seus textos máis recentes apareceron nos libros colectivos PUNK (CA2M) e Hijos del átomo (Alpha Decay).

PEDRO RAMOS é narrador e profesor de escritura creativa. Colaborou nos obradoiros de Clara Obligado e Fuentetaja literaria de Madrid. Actualmente é membro da European Association of Creative Writing Programmes, asociación na que figuran entidades como Escuela de Escritores de Madrid e a Escuela Holden, que dirixe Alessandro Baricco. Desde hai 9 anos, Pedro Ramos vive na Coruña, onde compaxina este labor didáctico coa creación literaria e a súa vocación como dinamizador e xornalista cultural.

ACTIVIDADES PARALELAS

ENQUISA: ES ADICTO/A A INTERNET?
As novas tecnoloxías están a crear novas formas de relacións sociais. Queremos afondar neste feito elaborando unha serie de enquisas ao público de Periféricos para determinar o nivel de adicción a internet das persoas participantes.

UPLOADPROXECTOS EMERXENTES
Para axudar aos proxectos locais emerxentes, NORMAL destina o seu ascensor a unha tarefa inusual. No elevador atoparase toda a documentación e información de proxectos emerxentes da cidade, culturais, creativos ou artísticos.

GALLETAS DA FORTUNA
Na entrada de NORMAL poderás coller as túas galletas da fortuna con mensaxes no interior. As mensaxes teñen segredos sobre o futuro. Bon apetit!

Horario: de 18:00 a 21:30 horas
Prezos: de balde
Participantes: máximo 12 persoas, por orde de inscrición

Matrícula:
O prazo de inscrición comprende desde o 13 de maio até o 8 de xuño de 2015. Pode facerse directamente enviando un correo electrónico a info@istoenormal.org.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org

O Microfestival PERIFÉRICOS en imaxes…