18 Outubro 2014, 08:00

http://istoenormal.org/images/463.jpg

CauSal'14 / Encontros con compositores

O CauSal’14 abre ao público o diálogo entre o compositor Valerio Sannicandro e Vertixe Sonora Ensemble a través do proceso de ensaio de On Serra: A Book of Forms.

Inspirado na famosa Lista de verbos que redactara Richard Serra en 1968, On Serra: A Book of Forms, a medio camiño entre o concerto e a instalación sonora, foi ideada por Valerio Sannicandro para Vertixe Sonora Ensemble co apoio da American Academy in Rome (Macello Lotti Italian Affiliated Fellow in Musical Composition 2013) para un dispositivo móbil de cinco instrumentos de vento e un percusionista en movemento nunha sala completamente resoante.

PROGRAMA

17 OUT / Conservatorio Superior de Música da Coruña
9:30-14:00 horas Presentación
Panel de lectura. Ensaios individuais de A Book of Forms.
Pablo Coello, saxofón
Alejandro Vázquez, trompeta

17 OUT / NORMAL
15:30-19:30 horas Ensaios individuais de A Book of Forms.
Iago Ríos, trombón
Diego Ventoso, percusión

20:00 horas Conferencia: Música e espazo.
Valerio Sannicandro reflexiona sobre a música en relación aos conceptos de música e espazo.

“Fascinante metáfora sonora do encontro entre pasado e presente, a música de Sannicandro estrutúrase en dous eixes principais: o espazo e a comunicación […] Espazo e tempo atópanse e convértense o un na luz do outro.”

18 OUT / NORMAL
10:00-14:00 horas Ensaios individuais de A Book of Forms.
Avelino Ferreira, óboe
Felipe Agel, clarinete

15:30-20:00 horas Ensaio de A Book of Forms.
5 instrumentos en movemento
1 percusionista

A entrada a todas as actividades é libre até completar o aforo da sala.

Desde a súa aparición en 2010, Vertixe Sonora Ensemble converteuse nun auténtico revulsivo da sociedade galega. A súa permanente estrea de obras novas permite que Galicia participe da creación sonora internacional cun protagonismo activo e desafiante. Un referente insubstituíble para a última xeración internacional de compositores que atopa nas súas producións a oportunidade de desenvolver propostas musicais cunha perspectiva global en permanente estado de convulsión, na procura da excelencia artística.

Asociada ao Instituto Galego de Sonoloxía, plataforma de investigación e experimentación sonora, está integrada por destacados solistas de música contemporánea de Galicia e de Portugal. En Vertixe Sonora Ensemble danse a man artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza que a partir dunha consciencia da multiplicidade no achegamento ao feito sonoro, establece un constante diálogo e interacción co pensamento, coa ciencia, coa tecnoloxía e con outras formas artísticas.

Cunha óptica cosmopolita, integradora e transcultural, Vertixe Sonora favorece un espazo aberto á reflexión, á discusión e ao intercambio no campo da música contemporánea, que non renuncia nin ao rigor, nin á transgresión, nin ao espírito de vangarda.

Vertixe Sonora desenvolve unha programación diversificada e procura dinamizar o ecosistema cultural, o intercambio e a cohesión do territorio. O ciclo Correspondencias Sonoras (CGAC) e sonUTopías (CampUSCulturae) en Santiago de Compostela, o Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea Vertixe Sonora en Vigo ou o ciclo MIHLsons en Lugo, son algunhas das achegas que están a renovar os públicos de música clásica en Galicia.

Comprometidos coa divulgación da música do seu tempo, organizan os cursos de achegamento á música contemporánea Aguzar o oído (MARCO, Vigo), os Encontros Internacionais de Música Contemporánea CauSaL, obradoiros de composición, charlas abertas…

O seu labor foi recollido nos documentais Correspondencias sonoras (2013), do cineasta Manuel del Río, e son[UT]opias (2014), do realizador Simón Vázquez.