5 Maio 2011, 19:30

http://istoenormal.org/images/39.jpg

Ciclo Action Reaction. O universo creativo de David Lynch

A EXPOSICIÓN FINALIZA O 23 DE XUÑO.

Proxeccións:
5 MAIO Eraserhead Cabeza borradora, 1976.
19 MAIO The Elephant Man O home elefante, 1980.
26 MAIO Blue Velvet Veludo azul, 1986.
9 XUÑO*Lost Highway* Estrada perdida, 1997.
16 XUÑO Mulholland Drive Mulholland Drive, 2001.
23 XUÑO Documental sobre David Lynch: Lynch (one) Blackandwhite, 2008.

David Lynch é un dos creadores cinematográficos máis importantes do cinema actual. A súa carreira amosa unha coherente loita a prol dun universo persoal, que se sitúa á marxe dunha industria instalada nas convencións do visto unha e mil veces. Neste ciclo percorreremos o esencial da súa carreira, desde a súa opera prima até un dos seus últimos traballos, Mulholland Drive, auténtica obra mestra en que Lynch depura o seu modelo de filme noir surreal e dinamita as estruturas da narrativa clásica de Hollywood. Unha carreira que comeza xa de maneira explosiva coa vangardista e escura Cabeza borradora (1976), que obtén ben cedo o estatuto de filme de culto e unha importancia que aumenta co tempo. En 1986 chegaría xa unha das súas obras mestras, Veludo azul. O comezo deste filme, visto en perspectiva, constitúese nunha especie de metonimia non só do propio filme, senón tamén da(s) temática(s) que desenvolve no seu cinema. Vemos nunha irónica secuencia a cámara lenta unha idílica sociedade, ordenada e feliz, con casas idénticas e preciosos xardíns cheos de flores e nenos xogando alegremente, para a continuación pasar a un desacougante plano en que, literalmente, por debaixo desta felicidade de postal, aparece escondida tras o perfecto céspede do xardín (edénico) do barrio residencial dos protagonistas unha ominosa e putrefacta orella humana, devorada por multitude de formigas, símbolo do caos e o horror que asexará a precaria orde que se vai amosar, e que propiciará unha viaxe á dolorosa lucidez dos protagonistas. A secuencia remata cun travelling que literalmente nos introduce nos laberínticos condutos do órgano: a viaxe brillantemente metaforizada ás profundidades da conciencia comezou, e xa nada volverá a ser o mesmo.

lugar Cubo NORMAL
entrada libre e de balde

Obra musical e curtametraxes para internet do director