31 Maio 2012, 20:00

  • CUBO de NORMAL
http://istoenormal.org/images/189.jpg
Peter Brook, Marat Sade (1967)

CINESCENA: MARAT SADE

Clausuramos CINESCENA cun clásico atemporal do xenial director teatral Peter Brook, nunha das súas raras e celebradas incursións cinematográficas: Marat Sade.

Concibido como actividade complementaria do FITEUC 2012 (Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña), CINESCENA achéganos catro visións cinematográficas sobre o mundo do teatro, a danza e a acción performativa.

Peter Brook é un dos mellores directores teatrais da segunda metade do século XX. En máis dunha ocasión decidiu poñerse tras a cámara para dirixir cinema, dando vida a pezas mestras como este Marat Sade. Baseada na peza Persecución e asasinato de Jean Paul Marat representado polo grupo teatral da Casa de Saúde de Charenton baixo a dirección do Marqués de Sade, escrita por Peter Weiss, Brook adaptouna ao cinema despois de ter dirixido unha montaxe teatral da mesma. O resultado, que conservaba unha escenografía moi teatral e musical, foi un canto á unión do teatro e o cinema cheo de contido crítico e de innovación formal.

No filme, uns aristócratas visitan o asilo mental de Charenton, onde son recibidos cunha representación teatral interpretada por algúns pacientes e escrita polo Marqués de Sade, tamén recluído alí. O cerne da peza representada é o asasinato do líder da Revolución Francesa Jean-Paul Marat a mans de Charlotte Corday e establece un debate sobre as relacións entre os políticos, a sexualidade e a violencia.

TÍTULO: Marat Sade
DIRECTOR: Peter Brook
GUIÓN: Peter Weiss, Geoffrey Skelton, Adrian Mitchell
MÚSICA: Richard Peaslee
FOTOGRAFÍA: David Watkin
REPARTO: Patrick Magee, Ian Richardson, Michael Williams, Clifford Rose, Glenda Jackson, Freddie Jones, Hugh Sullivan, John Hussey
PRODUTORA: United Artists / Marat Sade Productions
ANO: 1967
PAÍS: Reino Unido
DURACIÓN: 116 minutos