24 Maio 2012, 20:00

  • CUBO de NORMAL
  • Entrada libre e de balde
http://istoenormal.org/images/188.jpg
Wim Wenders, Pina (2011)

Suspendida a proxección de 'Pina'

Por problemas de última hora cos dereitos deste filme, vémonos obrigados a suspender a proxección de Pina, de Wim Wenders. Desculpen as molestias.

Esta era a terceira proxección de CINESCENA, unha “profunda reverencia á beleza que Bausch entregou ao mundo” sobre a que Wim Wenders construíu o seu documental.

Concibido como actividade complementaria do FITEUC 2012 (Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña), CINESCENA achéganos catro visións cinematográficas sobre o mundo do teatro, a danza e a acción performativa e tende unha ponte entre o cinema e a escena en NORMAL.

O até o de agora último filme do director alemán Wim Wenders é una sentida homenaxe á bailarina e coreógrafa Pina Bausch. Unha “reverencia” á arte da súa célebre amiga nacida dun fracaso, xa que orixinalmente este era un proxecto común que houbo de levar a cabo Wenders en solitario por mor da repentina morte da bailarina. Así, o documental pasou a ser un filme “para” Pina, no canto dunha obra “con” Pina.

O filme transita polas coreografías máis famosas de Pina Bausch e mesmo recobra imaxes e actuacións da propia homenaxeada. Con todo, o relato articúlase a través do encontro cos bailaríns da súa compañía, que interpretan as pezas que Pina lles legou cunha entrega excepcional, cunha emoción que eles mesmos van comentando. A propia cidade de Wuppertal, onde a compañía de Pina ten a súa sede, convértese en co-protagonista do filme, cos bailaríns a espallar beleza polas súas rúas.

Dirección: Wim Wenders
Coreografías: Pina Bausch
Produción: Gian-Piero Ringel, Claudie Ossard e Chris Bolzli
Produtor executivo: Jeremy Thomas
Estereografía: Alain Derobe
Supervisor 3D: François Garnier
Asesores artísticos: Peter Pabst, Dominique Mercy e Robert Sturm
Montaxe: Wolfgang Bergmann, Dieter Schneider e Gabriele Heuser
Produtora: Neue Road Movies (Berlín)
Co-produtora: Eurowide (París)
En colaboración con Tanztheater Wuppertal Pina Bausch e ZDF
Ano: 2011
Duración: 100 minutos

PRÓXIMA PROXECCIÓN DE CINESCENA:
31 MAIO: Marat-Sade (1967), de Peter Brook