2 Maio 2012, 20:00

  • CUBO de NORMAL
  • Entrada libre e de balde
http://istoenormal.org/images/186.jpg
Louis Malle, Vania na rúa 42 (1994)

CINESCENA: Vania na rúa 42

Maio sae a escena en NORMAL, cun breve ciclo de cinema onde as artes escénicas dialogan abertamente con outras linguaxes. Para comezar, Vania na rúa 42, de Louis Malle.

Concibido como actividade complementaria do FITEUC 2012 (Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña), CINESCENA achéganos catro visións cinematográficas sobre o mundo do teatro, a danza e a acción performativa. Desde a rendida homenaxe ao universo teatral de Louis Malle en Vania na rúa 42, á incursión cinematográfica de Peter Brook coa súa xa célebre Marat Sade, pasando pola “profunda reverencia á beleza que Bausch entregou ao mundo” sobre a que Wim Wenders construíu o seu documental Pina, ou pola exploración dos límites escénicos da acción protagonizada polo bailarín Josef Nadj e o pintor Miquel Barceló en Paso doble, CINESCENA tende unha ponte entre o cinema e a escena en NORMAL.

No que sería o seu último filme, o cineasta francés Louis Malle rende homenaxe ao mundo do teatro, a través dunha montaxe do clásico O tío Vania, de Anton Chéjov, nun teatro abandonado da rúa 42 de Nova York á que asiste como espectador. Este plantexamento de “teatro dentro do cinema” sérvelle ao director para introducirse na acción de forma case imperceptible e así realzar a intensidade do relato. Esta reescritura do clásico chejoviano aséntase, así mesmo, na excepcional adaptación do orixinal realizada por David Mamet.

Título: Vanya On 42nd Street
Guión: David Mamet, baseado na obra O tío Vania, de Anton Chéjov
Dirección: Louis Malle
Produción: Fred Berner e Beverly Karp
Música orixinal: Joshua Redman
Fotografía: Declan Quinn
Montaxe: Nancy Baker
Deseño de produción: Eugene Lee
Dirección artística: Daniele Perna
Vestiario: Gary Jones
Maquillaxe: Sharon Ilson
Son: Joel Holland e Tod A. Maitland
Intérpretes: Julianne Moore, George Gaynes, Brooke Smith, Wallace Shawn, Larry Pine, Phoebe Brand, Jerry Mayer, Lynn Cohen, Madhur Jaffrey, Andre Gregory…
Ano: 1994
Duración: 119 minutos

OUTRAS PROXECCIÓNS DE CINESCENA:

16 MAIO: Unha cidade por ser actuación de DanzaNormal +
Paso dobre: Miquel Barceló e Josef Nadj (2006), de Bruno Delbonnel

24 MAIO: Pina (2011), de Wim Wenders

31 MAIO: Marat-Sade (1967), de Peter Brook