29 Xuño 2011, 20:00

CITA A DOUS: Manu Clavijo e Estíbaliz Espinosa

En CITA A DOUS as posibilidades son infinitas e cada proposta é un mundo.

CITA A DOUS é un encontro entre dous creadores chegados de diferentes disciplinas artísticas, a partir dun pequeno manual de instrucións. Pois CITA A DOUS non é só un encontro fugaz onde dous convidados falan e debaten sobre aqueles temas ou motivacións que lles son comúns diante dun público presente, senón que pretende buscar un verdadeiro diálogo a partir do coñecemento artístico e persoal.

Para iso, a parella convidada (en que unha das partes pertencerá sempre ao mundo da literatura) contará cun tempo previo á data sinalada para se mergullar na obra do outro, para entrar nela e facela súa… permitindo que, unha vez chegado o día da cita, non só xurda o encontro senón tamén o diálogo, a retroalimentación e a experiencia compartida.

En CITA A DOUS as posibilidades son infinitas e cada proposta é un mundo.
Nesta segunda cita contaremos cunha parella formada por música e poesía.

Manu Clavijo e Estíbaliz Espinosa porán voz, diálogo, proceso compartido, vivencias e experiencias a este encontro íntimo que busca falar , non só das obras finais que se mostran, senón tamén da relación que estas teñen con outras artes e daqueles diálogos e procesos compartidos que, a maior parte das veces, quedan ocultos.

coordina Antía Otero