17 Marzo 2014, 12:07

http://istoenormal.org/images/417.jpg

Comeza a 21ª edición do FITEUC

Nota de prensa sobre o 21º FITEUC.

A Coruña, 17 de marzo de 2014. Mañá martes, 18 de marzo, comeza en NORMAL, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, a vixésimo primeira edición do Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña, que organiza a entidade académica. As encargadas de abrir o telón, ás 21 horas, serán as dúas compañías de danza da propia Universidade, Danza NORMAL UDC e I+Danza UDC, que estrearán as súas respectivas novas creacións, Animais de hábitos nocturnos e Punto de fuga.

O festival ofrecerá un total de trece funcións que se desenvolverán en tres espazos culturais da cidade entre marzo e abril: NORMAL , o Fórum Metropolitano e o Teatro Rosalía Castro.

NORMAL acollerá, ao longo da segunda quincena de marzo, seis funcións de presentación dos traballos dos grupos de teatro e danza da UDC. Teatro NORMAL UDC estrea o mércores 19, ás 20:30 horas, a súa nova produción Nocturnos, con texto de Paco Zarzoso. Os días 25 e 26 de marzo, ás 20:30 horas, o grupo dirixido por Rubén Ruibal realizará dous pases máis da montaxe do grupo institucional de Teatro. O xoves 27, ás 20:30 horas, tomará o relevo o TUF, o grupo de Teatro Universitario de Ferrol, que realizará a pre-estrea de Welcome, unha creación colectiva dirixida por Gonçalo Guerreiro. Danza NORMAL UDC e I+Danza UDC pecharán o paso do FITEUC por NORMAL o venres 28, ás 21 horas, coa segunda presentación dos seus espectáculos, ambos dirixidos por Rut Balbís. A entrada a todas as funcións é gratuíta con convite. Poderá ser retirado na propia conserxaría de NORMAL antes do espectáculo.

En abril o FITEUC trasládase ao Fórum Metropolitano, con seis funcións onde a entrada será de balde até completar a capacidade do auditorio. O martes 1 de abril pasará pola sala do Fórum Maricastaña, a Aula de Teatro Universitaria de Ourense, con Café Liberdade, escrita e dirixida por Fernando Dacosta. O mércores 2 de abril sae a escena, por primeira vez dentro do marco do FITEUC, o alumnado de Teatro Sénior UDC, o grupo sénior da universidade coruñesa dirixido por María Torres, coa súa creación Fíos invisibles. O xoves 3 é o turno da Aula de Teatro de Lugo, que presenta Miosotis (Non me esquezas), adaptación da Comedia sen título de Federico García Lorca. Os días 7 e 8 de abril terán lugar senllos encontros de danza, onde as compañías anfitrioas Danza NORMAL UDC e I+Danza UDC compartirán escena cos grupos institucionais das Universidades de Santiago de Compostela, Vigo, Beira Interior (Portugal) e o grupo independente USC Kaos. Será o mércores 9 cando a Aula de Teatro da USC peche as funcións no Fórum, coa presentación de Apnea, 2ª variación, escrita e dirixida por Roberto Salgueiro. Todos os espectáculos do Fórum comezan ás 20:30 horas.

A compañía encargada de poñer o punto final ao 21ª FITEUC será Teatro NORMAL UDC, que levará ás táboas do Teatro Rosalía Castro o luns 21 de abril, ás 20:30 horas, a montaxe definitiva dos Nocturnos, de Paco Zarzoso. A entrada para ver ao grupo dirixido por Rubén Ruibal tamén é de balde, até completar a capacidade da sala.

Pódese consultar toda a programación do 21º FITEUC nesta ligazón.