22 Marzo 2012, 20:00

  • CUBO de NORMAL
  • Entrada libre e de balde
http://istoenormal.org/images/160.jpg

Concerto Aquófono Bambú

NORMAL celebra o Día Internacional da Auga co primeiro dos Concertos do sono. Patxi Valera, de Parto, presentaranos o Aquófono, un novo instrumento de percusión con líquidos que se escapa do estritamente musical.

O Aquófono é un instrumento musical sen precedentes, xa que o seu son se produce por medio da percusión controlada de pingas e chorros de auga sobre oito sensores piezoeléctricos de contacto. A partir dun traballo específico composto para o Pavillón de Galicia da Expo da Auga (Zaragoza 2008) e centrado na relaxación, suscitouse por vez primeira a posibilidade de construír un aquófono portátil máis pequeno e lixeiro co ánimo de poder seguir avanzando na área dos concertos do sono, baseados nunha coidada estrutura sonora con influencias minimalistas, tempos moi lentos, sons naturais e escalas musicais de Oriente.

Nun mundo excesivamente dominado polos estímulos visuais cotiáns, a Sonata do Sono supón un momento de reflexión sobre o papel dos espectadores na arte actual. A hipótese principal do proxecto descansa na idea de que o público pode e debe deixar de ser tratado como un simple ente receptor de cóxegas artificiais, xa que, en cada situación particular o feito artístico en si mesmo pode apelar directamente á sensibilidade e subxectividade individual de cada persoa.

Prepárense para unha plácida viaxe sonora, sempre amena e interior, e dispóñanse para a escoita deste instrumento único inspirado polos elementos da natureza. Aproveiten a ocasión brindada para se sentiren case tan ben como na súa propia casa e reláxense comodamente tombados ou recostados para poderen gozar da experiencia plenamente. Unha cita íntima baixo unha choiva sonora leve e amable, unha oportunidade única para pechar os ollos e mergullarse a fondo no interior da música da auga.

Patxi Valera (A Coruña,1970) é licenciado en Psicoloxía Social pola USC. No plano artístico a súa formación autodidacta, así como o seu carácter ecléctico, orientárono para implicarse con diversas formacións en creacións colectivas particulares cuxo traballo se centra, principalmente, na experimentación audiovisual e na improvisación libre. A partir do ano 2002 desenvolve con L.A.R Legido o prototipo do que actualmente é o Aquófono e forman Parto. Ambos son parte moi activa do TPS-Centro de Novas Tecnoloxías do Pico Sacro, entidade organizadora responsable de articular o ciclo de “Sesións vibracionais” de música improvisada e lugar de residencia da orquestra O.M.E.G.A-Orquestra de Música Espontánea de Galicia.