10 Decembro 2018, 20:00

http://istoenormal.org/images/672.jpg

Concerto de Northwest en Normal

Northwest é un dúo de pop experimental con sede en Londres, formado pola cantante e compositora Mariuca García-Lombas e o produtor e multiinstrumentista Ignacio Simón. A súa música explora diferentes xéneros, desde a música clásica contemporánea e a vangarda electrónica até o pop experimental, a psicodelia e o trip-hop.

Os seus diversos lanzamentos discográficos leváronos a seren comparados con artistas do talle de Scott Walker, Geoff Barrow, Broadcast e Mark Hollis.

Entre 2015 e 2018, Northwest embarcouse na súa primeira aventura discográfica e desenvolveu o material que forma parte do seu álbum de debut, o cal viu a luz a mediados de 2018.

Gravado en diferentes lugares do Reino Unido, este álbum mostra a evolución de Northwest cara a un son único e característico.

Durante o último ano, Northwest ten compartido as súas reflexións sobre a realidade de seren artistas independentes na actual era tecnolóxica e ten mostrado a súa intención de procurar novas formas, non só en referencia á propia creación musical, senón tamén no xeito de comunicar, promocionar e escoitar as ditas creacións. O atípico lanzamento do seu álbum debut así como as diferentes series de vídeo-arte que Northwest leva publicado ao longo do ano son reflexo de tales inquietudes.

Northwest actúa con regularidade en todo o continente europeo. Os seus espectáculos ao vivo, que incorporan xogos visuais e elementos de danza, foron cualificados de cativadores e hipnóticos. Despois dunha extensa xira que até o de agora levou o seu directo a países como Alemaña, Países Baixos, Rusia, Francia, Italia, Chequia, Eslovaquia ou Serbia, entre outros, o dúo español porá un emotivo broche final a un intenso ano cunha serie de concertos en Galicia e Portugal. Entre os días 7 e 15 de decembro, a posta en escena de Northwest poderá ser vista en Ourense, Vigo, A Coruña, Ferrol, O Porto, Leiria, Estarreja e Aveiro.