26 Maio 2016, 14:00

http://istoenormal.org/images/569.jpg

Consciencia orgánica creativa, con Carolina Fernández

Carolina Fernández ofrece este obradoiro de Consciencia orgánica creativa, un proxecto de investigación transdisciplinar de corpo, mente, espíritu, movemento e creatividade.

As ideas son como peixes. Se queres coller peixiños, permaneces en augas pouco profundas. Mais se queres pescar un gran peixe dourado, tes que te internar en augas máis fondas.Nas profundidades os peixes son máis poderosos e puros. Son enormes e abstractos e moi fermosos. David Lynch

Son fontes de inspiración nesta busca as prácticas, no aspecto sagrado, do movemento das danzas sagradas de Gurdjieff, na consciencia a través do movemento, do método Feldenkrais e o método Talmi, na presenza da meditación, no proceso orgánico creativo, do método de John Strassberg e na busca da verdade, do método de clown de Michel Dallaire.

A idea é traballar o corpo, mente, espíritu con diferentes exercicios que nos permitan encontrar o noso propio sistema orgánico de evolución, consciencia e creatividade.

Nestas sesións:

- Reeducaremos a nosa percepción interior para aprender a percibir as estructuras e enerxías sutís que gobernan a nosa mente e corpo e así activar a nosa creatividade, sanación e desenvolvemento.

- Realizaremos un traballo sobre a respiración, que é a nosa áncora principal para o espertar da nosa consciencia.

- Guiarase unha sesión de movemento consciente para traballar a nosa autopercepción.

- Faremos un traballo de improvisación de movemento.

- Traballaremos a presenza, que é a aceptación do “que é”, da realidade da miña estrutura psicosomática.

Declaración de intencións:

Para poder dar un cambio de paradigma, necesitamos facelo dende o corpo, fóra do pensamento conceptual. É mediante a conciencia corporal consciente, a total percepción de nós mesmos, como podemos espertar a niveis superiores de intelixencia orgánica, é dicir a “sabiduría” do corpo.

Carolina Fernández (1978), artista nas artes vivas, o seu traballo é unha exposición en vivo onde audiovisual, poesía, teatro, movemento, performance se combinan en busca dunha linguaxe persoal. Iniciou os seus estudos en artes escénicas hai 12 anos. Paralelamente estudou no campo da arte, da consciencia e da espiritualidade.

Sen medo, de boa fe e sen esforzo.
Deixade xurdir do espazo baleiro do espírito
Xestos divinos e movementos
De bailes descoñecidos

Día: xoves 26 de maio
Horario: de 16:00 a 20:00 horas
Lugar: Aula 2.3
Prezo: entrada libre

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 881 014 502 Mail: info@istoenormal.org