28 Maio 2019, 20:00

http://istoenormal.org/images/722.png

Conversas coa dirección: Xisela Franco. Formas do EU no cine documental galego feito por mulleres.

A sesión trazará unha viaxe en forma de ensaio poético a través de fragmentos de películas de Xisela Franco que se encaixen dentro das formas documentais en primeira persoa. Así, falaremos de etiquetas como o filme de ensaio, o documental autobiográfico, o cine de diario, o autorretrato, ou a auto-etnografía, distintas formas de expresión dese cine persoal. Coa intención de identificarse co contexto contemporáneo máis próximo, ao final Xisela Franco tamén falará doutras cineastas galegas que teñen explorado de forma suxerinte ese cine do eu.

Fragmentos que se proxectarán:

Sculpture (2007)

Anima Urbis (2010)

Día 13 de Julio y día 12 de agosto (2012)

Vía Láctea (2013)

Hyohakusha (2014)

Autorretrato de un minuto (2016)

Interior, exterior, durante (2016)

Xisela Franco é artista e cineasta con prolífica traxectoria no documental e cine experimental. Licenciada en Comunicación Audiovisual e posteriormente en Humanidades (especialidade Filosofía) pola UEM en Madrid, en 2006 recibe unha bolsa de posgrado para estudar un MFA en York University en Canadá.

Nesa mesma universidade imparte clases como profesora asistente do teórico do cine canadense John McCullough. En Toronto vive catro anos nos que conecta coa vangarda experimental da cidade. Volta a Galicia no 2010 para formar parte nun momento único de primavera no audiovisual galego. O traballo de Xisela, a cabalo entre o cine e a arte contemporánea, está sempre na procura de novos camiños da expresión audiovisual, cuestionando a identidade do cine para revisalo e redefinilo. A súa obra percorreu museos, galerías e festivais de cine internacionais.

Estas conversas terán lugar tamén o día 27 ás 19:00 no Campus de Esteiro, en Ferrol. Información: 881013697