23 Outubro 2012, 10:00

http://istoenormal.org/images/265.jpg

Convocatoria SINSAL é NORMAL Súper8

O Festival Sinsal é Normal abre a convocatoria de recepción de películas para a súa selección e posible exhibición dentro do programa de actividades do mesmo.

Esta convocatoria forma parte do programa de actividades do Festival Sinsal é Normal, co propósito de recuperar, difundir e poñer en valor un patrimonio que constitúe unha das máis claras representacións da expresión popular do século XX: o cinema feito por afeccionados.

O obxectivo desta convocatoria é proporcionar a toda a xente que conserve nos seus fogares películas caseiras filmadas en Súper 8, 8 mm e 16 mm a oportunidade de compartilas en varias proxeccións públicas, que terán lugar os próximos 31 de outubro, 16 de novembro e 23 de novembro en NORMAL, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, e que se encadra dentro das actividades organizadas polo Festival Sinsal é Normal.

Se tes algunha película rodada polos teus avós, teus pais ou algún familiar, ou coñeces alguén que as teña, non o dubides: anímate, ponte en contacto connosco e ven compartila ao Festival Sinsal é Normal.

A presente convocatoria réxese de acordo coas seguintes bases:

REQUISITOS
Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen e que posúan unha película en formato Súper 8, 8 mm ou 16 mm, preferentemente rodada na cidade da Coruña ou na súa contorna.

LUGAR E PRAZO DE ENTREGA
O prazo de admisión de películas ábrese o martes 16 de outubro e finaliza o martes 20 de novembro. As películas deberán entregarse en man, no seguinte enderezo:

NORMAL
Espazo de intervención cultural
Universidade da Coruña
Paseo de Ronda 47
15011 A Coruña
Teléfono 981 167 000 extensión 4502
O horario de entrega será de 10 a 22 horas, de luns a venres.

En caso de non poder desprazarse ao centro da cidade, póñase en contacto connosco en info@sinsalaudio.org, co asunto “Sinsal é Normal. Súper 8”, e xestionaremos a mellor forma de recoller os materiais.

• DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR
Cada película deberá ir acompañada dunha ficha na que se fará constar a seguinte información: (*Obrigatorio **Opcional)

*DATOS PERSOAIS
*Nome do/a depositante:
*DNI:
*Teléfono de contacto:
*E-mail:

**CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS
Ano:
Autor/a:
Formato:
Cor ou B/N:
Duración:

**INFORMACIÓN ADICIONAL
Descrición:
Localizacións:
Algunha curiosidade?:

• SELECCIÓN
Unha vez recollidos todos os materiais, haberá un proceso de selección, cuxo principal criterio será o estado físico da copia. A dirección do festival establecerá a orde de exhibición de cada película.

• EXHIBICIÓN
As películas serán exhibidas publicamente, acompañadas da actuación musical dun grupo en directo, dentro das actividades programadas polo Festival Sinsal é Normal, que terán lugar os próximos 31 de outubro, 16 de novembro e 23 de novembro en NORMAL, o espazo de intervención cultural da UDC.

A inscrición das películas é un acordo mediante o cal os participantes outorgan o seu consentimento ao Festival Sinsal é Normal para a reprodución e exhibición pública destas sen dereito a contraprestación económica e aceptando as condicións do Festival Sinsal é Normal.

Todo o proceso de exhibición será documentado mediante vídeo e fotografías, e os participantes ceden os dereitos de imaxe para a súa difusión vía Internet ou mediante calquera outro soporte para divulgación das actividades do Festival Sinsal é Normal.

ACCESO
O acceso ao conxunto de actividades Festival Sinsal é Normal no seu apartado Super8 é gratuíto até completar o aforo.

• DEVOLUCIÓN
A organización devolverá as películas aos seus propietarios nun prazo de sete días despois da finalización da exhibición pública. O Festival Sinsal é Normal faise responsable de calquera dano ou extravío dos materiais que poida producirse dende o momento da súa entrega en NORMAL até a súa devolución.

• ACEPTACIÓN DAS BASES
A inscrición dunha película implica a plena aceptación das bases e condicións que regulan a presente convocatoria.