18 Setembro 2013, 17:29

http://istoenormal.org/images/267.jpg

Curtas e maratón fotográfico durante o 3D en NORMAL

As actividades ábrense á participación cunha mostra de curtas e un maratón fotográfico.

A Mostra de curtametraxes 3D en NORMAL desenvolverase conforme ás seguintes bases:

- Poderanse presentar as curtas realizadas durante os anos 2012-2013.

- As curtametraxes non excederán de 10 minutos, podendo presentar cada autor un máximo de dúas curtametraxes.

- As curtametraxes poderán ser de ficción ou documentais, e pertencer a calquera xénero ou disciplina audiovisual como animación, musical, vídeo-creación, vídeodanza, experimental, etc.

- As curtametraxes presentaranse en formato DVD nas oficinas de NORMAL ou da Área de Cultura da UDC en Ferrol.

- As curtametraxes deberán facilitarse en disco DVD ou CD de datos. Poderanse entregar persoalmente ou ser remitidas por correo certificado até o 24 de setembro ao enderezo postal de NORMAL (Paseo de Ronda, 47. 15011 A Coruña).

- A comisión que seleccionará os traballos estará composta por responsables da Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes, Deportes e Cultura, ao que se incorporarán especialistas do mundo da imaxe.

- As curtametraxes seleccionadas serán exhibidas en NORMAL durante as xornadas 3D.

- A Universidade da Coruña terá dereito á proxección e exhibición pública dos traballos dentro do ámbito universitario, concretamente no edificio NORMAL o día 2 de outubro de 2013, dentro do ámbito das devanditas xornadas.

Pola súa banda, este será o punto de partida do I Maratón fotográfico UDC NORMAL:

- Poderá participar calquera persoa interesada que sexa maior de idade. Para formalizar a inscrición, pode dirixirse ao enderezo fotografianormal@istoenormal.org até as 14:00 horas do 1 de outubro. Ás 16:00 desa mesma tarde os participantes recibirán no seu correo o tema do maratón. Tamén se poden recoller as bases en NORMAL.

- Contémplase unicamente a fotografía dixital en calquera das súas variantes: cámara incorporada a un terminal móbil, cámara compacta, cámara bridge, e cámara SLR.

- As imaxes poderán ser editadas a través de calquera software dixital sempre e cando conserven a esencia da imaxe orixinal.

- As imaxes serán admitidas en formato JPEG e cunha calidade máxima por imaxe de dous megabytes.

- Todos os participantes da Maratón serán os propietarios dos dereitos de autor das fotografías presentadas e premiadas.

- A UDC reservase o dereito a reproducir, total ou parcialmente, as fotografías premiadas co obxectivo de difundir ou promover calquera actividade vinculada a 3D en NORMAL.

- As imaxes non poderán levar ningún tipo de marca de auga

- O maratón durará dende as 16.00h do martes 1 ata as 16.00 h. do mércores 2 do outubro. Todas as imaxes entregadas polos participantes poderán ser difundidas dentro dos actos de NORMAL durante ese período de tempo..

- O prazo de entrega rematará o mércores 2 de outubro ás 16.00h.

- As imaxes enviaranse por correo electrónico ao mesmo enderezo no que se fixo a inscrición: fotografianormal@istoenormal.org

- O xurado estará formado por tres persoas vinculadas á UDC e relacionadas co mundo da fotografía e das artes. O fallo será inapelable e darase a coñecer o mesmo mércores día 2 ás 20.00 h. no auditorio de NORMAL, nun acto aberto ao público.

- Seleccionaranse 3 finalistas: o traballo gañador recibirá unha Tablet. Haberá dous accésits que consistirán na matrícula gratuíta en calquera dos obradoiros de fotografía impartidos en NORMAL*.

*no caso de que algún dos premiados xa asistiran a estes obradoiros, poderán cursar de xeito gratuíto calquera dos outros obradoiros ou cursos impartidos en NORMAL.