22 Xaneiro 2015, 19:00

http://istoenormal.org/images/516.jpg

DdC/ Actuación de Muller Cine

Blanca Cendán e Suso Alonso presentan en DUCIA DE CANS o seu espectáculo Muller Cine, unha interesante mestura de música, teatro e cinema proxectado.

Bos coñecedores do Festival de Cans, onde teñen asistido e actuado, Blanca Cendán e Suso Alonso forman un interesante dúo que se move entre a música, o teatro, o cabaré e a contemporaneidade da performance. Agora incorporan un novo elemento inédito nos seus espectáculos: o cinema, con imaxes en tempo real proxectadas contra os seus corpos. Un espectáculo nada convencional que o converte nun atractivo experimento para o público.

Blanca Cendán e Suso Alonso, métense nos fotogramas do celuloide para darnos unha visión da muller no Cine ó longo da Historia. Dende Louise Brooks, interpretando a tola Lulú da Caixa de Pandora, pasando pola Lola de Marlene Dietrich no Anxo Azul, a Dorothy de Judy Garland do Mago de Oz, a Gilda de Rita Hayworth, a Holly de Audrey Hepburn en Almorzo con diamantes, a Pantera Rosa, a Velma Kelly de Chicago e como non, as mulleres almodovarianas e algunha que outra sorpresa do cine galego. Todas e cada unha delas, sedutoras, doces, femmes fatais, masculinas, femininas, crueis e sumisas, interpretadas por unha actriz acompañada en directo por un pianista e as proxeccións cinematográficas sobre o seu propio corpo vestido de branco que fará de pantalla móbil durante a escena.

Autoría: Blanca Cendán e Suso Alonso.
Dirección: Blanca Cendán.
Deseño gráfico: Virxinia Barros.
Vídeo e proxeccíón en directo: Jorge García (VHF).
Vestiario: Rosa Brage.
Música en directo: Suso Alonso.
Asesoramento escénico: Simone Negrín.

A entrada é libre até completar o aforo da sala.

Imaxes da estrea de Muller Cine en NORMAL.