10 Decembro 2014, 19:00

http://istoenormal.org/images/500.jpg

DdC/ Coloquio con Creus e Carrasco + GCeT + Hábitat Social

Os arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco están na orixe da exposición DUCIA DE CANS, despois de anos colaborando co Festival de Cans. Coñeceremos a súa visión neste coloquio aberto ao público, no que participan tamén membros do GCeT e Hábitat Social que colaboraron nos traballos de investigación e construción da exposición.

Creus e Carrasco foron dos primeiros en aparecer por Cans con ánimo de explorar e analizar os cambios substanciais que se producían na fisonomía da aldea durante o festival. Eles inauguraron no seu día a sección “Miradas de Cans”, onde se convida a profesionais de ámbitos diferentes ao audiovisual a ofrecer a súa mirada acerca do festival. Ademais de comisionar DUCIA DE CANS, son voces moi interesantes para ofrecer as súas opinións sobre un feito que define Cans: a transformación do territorio e a reconversión nos usos dos espazos cotiáns como os galpóns, galiñeiros, hórreos ou leiras.

Hábitat Social é unha cooperativa galega integrada por un grupo heteroxéneo de profesionais, esencialmente dos eidos da arquitectura, o urbanismo e as ciencias sociais, que trata de investigar e intervir na complexa realidade que habitamos.

O GCeT é o Grupo de investigación Galicia Cidade e Territorio da Universidade da Coruña, centrado no estudo dos fenómenos urbanos que materializan as formas de vivir no territorio galego contemporáneo.

A entrada é libre até completar o aforo da sala.