25 Novembro 2014, 19:00

http://istoenormal.org/images/485.jpg
'69', de Borja Mucientes

DdC/ 'London Canning' (Enlatado en Londres)

‘London Canning’ chega a PARALELO CANS coas obras de catro creadores galegos residentes en Londres.

Londres é un dos grandes epicentros do éxodo masivo de creadores e creadoras galegos que traballan no ámbito do audiovisual. O Festival de Cans tratou de localizar a moitos deles para darlles en Galicia unha visibilidade que perderon no seu propio país. Alí evolucionan no seu traballo e seguen creando: documental, ficción ou cinema social. A maioría das pezas teñen como nexo a singular e atractiva paisaxe urbana londinense: o Big Ben, os taxis-cabs negros, os bobbies, os buses de dúas prantas e as cabinas telefónicas vermellas. É o momento de que o traballo destes creadores volva a Galicia

The Prisoners’ Song
2013 / 18’30’‘ / Inglés con subtítulos
Dirección, guión e montaxe: Breixo Viejo.
Produción: Viviana Gómez Nieto.
Elenco: Rosalba García, Liliana Orozco, Ligia Segura e Claudia Patricia Cardona
Vai de: unha muller camiña polas rúas de Londres cunhas latas de cinema. Cando chega ao barrio do East End, adéntrase nun edificio onde vai ver unha metraxe histórica cativadora: en 1931, na Penitenciaria Estatal da Cidade de México, os presos son obrigados a cantar co obxectivo de demostrar as condicións “benevolentes” do seu encerro.
Xénero: documental experimental.
O detalle: Breixo Viejo dirixiu varias curtas experimentais que foron seleccionadas nos festivais internacionais de cine de Gijón, Atenas, Barcelona e Nottingham.

Xente normal
2013 / 5’ / Inglés
Dirección e guión: Ángeles Huerta.
Fotografía: Femke Vollemberg.
Música: Xabier Mera.
Elenco: Jeremiah O’Connor e Sophie Brooke.
Vai de: unha historia sobre os problemas de comunicación dunha parella do século XXI. Unha parella que quere ser normal, pero non dá, e tampouco entende por que lles resulta tan difícil. Un drama sobre o absurdo da normalidade.
Xénero: drama.
O detalle: a directora é unha coruñesa afincada en Londres, que asina tamén os seus traballos como Angeles Coppola.

69
2012 / 20’ / Inglés con subtítulos
Dirección e guión: Borja Mucientes.
Produción: Teresa de Miguel, Rubín Moyo e Eva Muñoz.
Música: Torquil Munro.
Elenco: Bonny Lee Davis e Peter Greenal.
Vai de: Rita chega a Londres por primeira vez para visitar aos seu amigo Jess. Na festa de benvida bebe máis da conta. Cando tenta volver ao hotel, pérdese. Roger, pasando ao seu lado, ofrécelle unha man amiga.
O detalle: Borja Murcientes fundou en Londres xunto a Eva Muñoz a produtora Wild Side Films. Este traballo é a primeira película rodada pola compañía.

Joining the dots
2012 / 12’ / Inglés con subtítulos
Dirección, guión e montaxe: Pablo Romero-Fresco.
Produción: Linda Koncz.
Fotografía: Martina Trepczyk.
Música: Angelo Kargellaris.
Vai de: un traballo persoal no que Pablo romero-Fresco se achega a Trevor, un home que quedou cego aos 60 anos. Todo o que fixera ata entón torna enormemente difícil. O director acompaña a Trevor, fala e axúdalle. Aborda tamén o tema da audiodescrición, un sistema de comunicación para persoas con problemas de visión.
Xénero: documental.
O detalle: o traballo de Pablo Romero Fresco está ligado á súa faceta de investigación en discapacidades. Este filme foi premiado no London Spanish Film Festival en 2012.

A entrada é libre até completar o aforo da sala.