3 Novembro 2014, 15:28

http://istoenormal.org/images/460.jpg

DUCIA DE CANS desembarca en NORMAL

Nota de prensa acerca da inauguración de DUCIA DE CANS.

A Coruña, 3 de novembro de 2014. – Mañá martes, 4 de novembro, inaugúrase o novo proxecto expositivo de NORMAL, DUCIA DE CANS. O acto comezará ás 20:00 horas no espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, no campus de Riazor, e contará coa presenza de Alfonso Pato, director do Festival de Cans, e Juan Creus, profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, comisarios do proxecto.

Con DUCIA DE CANS, durante doce semanas NORMAL súmase á celebración das doce edicións que no ano 2015 cumprirá o Festival de Cans, trasladando o espírito do evento a través da interpretación dos seus espazos máis emblemáticos, o pase das proxeccións máis destacadas e a programación de coloquios e actuacións musicais con diferentes artistas e creadores que pasaron polo festival. A mostra, promovida pola Universidade, reúne múltiples materiais históricos que nunca tiñan saído da aldea de Cans, incluído un dos famosos chimpíns do festival ou o can xigante da Casa do Carreira que preside as actividades do mesmo.

O deseño e montaxe da exposición levouse a cabo coa participación do alumnado inscrito no obradoiro que comezou en NORMAL o mes pasado, seguindo a idea de colaboración que o festival aplica en todas as súas actividades. No proceso empregáronse materiais semellantes aos que se usan en Cans (táboas, madeira, caixas de refrescos e pacas de palla), co fin de que moitos dos espazos creados na exposición pasen a ser usados en maio de 2015 na XII edición do Festival de Cans, creándose así un fluxo de ida e volta entre ambos proxectos.

Alén da exposición que ocupará NORMAL até o 30 de xaneiro de 2015, DUCIA DE CANS conta cun extenso programa de actividades paralelas, con concertos, coloquios e proxeccións. Nesas doce semanas pasarán polas distintas seccións e espazos da mostra músicos, artistas e creadores que coñecen ben Cans e estiveron presentes e implicados no festival nalgún momento: actores como Antonio Durán “Morris”; escritores como Suso de Toro; músicos como Uxía, Víctor Coyote, Sés ou Miguel Costas; cociñeiros como Pepe Solla; debuxantes como David Rubín; produtoras como Chelo Lourerio e Emma Lustres, ou moitos cineastas forxados no festival como curtametraxistas, como Enrique Otero, Fernando Cortizo, Alejandro Marzoa ou Luis Avilés, entre outros.

O Festival de Cans, organizado pola Asociación Cultual Arela, é un dos eventos máis singulares que existen na actualidade en Galicia. Desde hai unha ducia anos, o festival converteu unha aldea galega de menos de 400 habitantes nun foco de atracción cultural polo que pasan máis de 10.000 persoas en catro días. Cans é un festival de cine, mais tamén un festival de música, unha festa da creación e un motivo de orgullo para os seus veciños. Un evento que traballa na reconversión dos espazos cotiáns estimulando a creación e a participación. Cans xa hai tempo que é parte da cultura viva de Galicia, co seu estímulo aos creadores do audiovisual e da música, a activación do mundo rural e a súa dinamización. Todo sen perder a perspectiva final do que pretende o festival: estimular e fomentar a creación, achegar a cultura a todo o mundo e ser unha ventá de exhibición nun contexto actual onde van desaparecendo as festas culturais e facer participar os espectadores.

Ademais do apoio aos creadores novos (a través de actuacións musicais e presenza de novos cineastas), o festival representa un novo xeito de facer cultura: fresco, participativo e cercano ao espectador. A súa intención clara é fomentar a participación de veciñas e veciños e implicalos nos procesos organizativos e creativos, así como influír no medio prazo na transformación do territorio e na reinterpretación dos espazos cotiáns (galpóns, hórreos, galiñeiros e mesmo chimpíns), como espazos e contedores de uso cultural.

A entrada a todas as actividades é libre até completar o aforo da sala.
Pódese consultar toda a información en: http://istoenormal.org/gl/