19 Xaneiro 2012, 20:00

  • CUBO de NORMAL
  • Entrada libre e de balde
http://istoenormal.org/images/131.jpg
Maya Deren, Meshes of the afternoon (1943)

ela + ela (experimentos en curta)

Esta semana continúa o ciclo sobre o lesbianismo no cinema como actividade paralela á exposición de Marcela e Elisa, co visionado de varias curtametraxes de vangarda.

• Meshes of the Afternoon. Maya Deren, 1943.
• Two Women. Man Ray, sen data
• Inauguration of the Pleasure Dome. Kenneth Anger, 1954-56.

Meshes in the Afternoon (1943)
Proxección da curtametraxe experimental máis importante da cineasta MayaDeren (Kiev,1917-Nova York,1961), que naceu na Ucraína co nome de Eleanora Derenkowsky, mais desenvolveu a súa carreira profesional nos Estados Unidos. Directora de cinema, bailarina, coreógrafa e escritora, é a primeira muller directora do que se chamou cinema underground estadounidense e a súa obra é considerada pola historiografía do cinema, como unha das precursoras do cinema feminista. O seu traballo tamén serviu de ponte entre as artes plásticas e o cinema, xa que se formou coa bailarina, coreógrafa e antropóloga Katherine Dunham. Unha influencia importante na súa filmografía é a temática do inconsciente. Maya Deren interesouse profundamente pola obra de Freud e Jung, que conectaba directamente coa súa paixón pola vangarda surrealista, en especial pola obra de Jean Cocteau e Luís Buñuel, o que se reflicte de maneira directa nos seus filmes.

Two Women (sen data)
Este traballo case amateur de Man Ray (Filadelfia, 1890-París, 1976), recuperado pola Fundación Georges Pompidou, carece de data e está incompleto, mais non lle falta interese, ao mostrarnos de xeito directo as relacións sexuais entre mulleres naqueles anos, cun estilo que bascula entre a inxenuidade e a pornografía máis directa.

Inauguration of the Pleasure Dome (1954-56)
Kenneth Anger (Santa Mónica, 1927) é case máis coñecido como o escritor dos famosos dous volumes Hollywood-Babylona, onde relata o lado escuro e sórdido do dourado Hollywood do tempo do clasicismo, no que o lema da MGM era «máis estrelas que no ceo».Provocador, homosexual militante, o seu universo está ateigado de fetichismo, sadomasoquismo e referencias á represión que a sociedade exerce sobre algunhas expresións da liberdade sexual, que escapan totalmente do que se entende como «normativo». Trátase dun cineasta influído pola vangarda surrealista, que conxuga coa influencia de JeanGenet ou do pulpe a música rock dos anos 50 e 60, e atraído polo ocultismo e a bruxería.