20 Febreiro 2013, 20:24

http://istoenormal.org/images/332.jpg

ELAS FAN TECH oferta obradoiros para colexios e institutos

A exposición ábrese aos públicos escolares con dous obradoiros dirixidos a grupos de colexios e institutos da cidade e da contorna metropolitana.

Os obradoiros desenvolveranse de luns a venres, en quenda de mañá ou tarde, até o 8 de marzo (incluído), para grupos dun máximo de 25 alumnos/as, que deberán ir acompañados dalgún/a monitor/a.

As persoas interesadas poden enviar as súas solicitudes a info@istoenormal.org indicando día e hora da reserva, número de asistentes, nome completo e teléfono da persoa responsable do grupo.

Todas as visitas son gratuítas.

a) Moléculas Cósmicas. Unha viaxe dixital interactiva (dirixido a grupos de Educación Infantil e Primaria):

Moléculas Cósmicas é unha viaxe dixital interactiva na que nos mergullaremos nos universos creativos propostos polas artistas. As distintas instalacións que conforman a exposición serán os distintos lugares, máxicos e misteriosos, que coñeceremos. Mais non seremos simples turistas, seremos protagonistas.

Na nosa viaxe descobriremos un mundo poboado por persoas diminutas que viven en caixas e saberemos o que lles dá medo. De seguido, atoparémonos cun cabalo patinador ao que non lle gusta que o miren. Coñeceremos un rei de ouro nun palacio de ouro. Descobriremos un planeta (¿a Terra?) no que suceden historias incribles.

A partir de aquí mergullarémonos no Universo Dixital, creado por nós, habitado por nós. Para que isto sexa posible teremos que converternos primeiro en moléculas e logo en criaturas dixitais/virtuais. Así viaxaremos polo Universo Virtual convertidos en estrelas, en constelacións e finalmente en galaxias. Desta forma chegaremos á orixe mesma do Universo, a unha cova da que emerxen criaturas celestes co latexar do noso corazón.

Os obxectivos didácticos desta experiencia interactiva transfórmanse no proceso persoal de descubrimento que cada participante realiza no seu propio diálogo coas instalacións.

b) Inter-Accións no Espazo Líquido (dirixido a grupos de ESO e Bacharelato):

Durante a visita á exposición ELAS FAN TECH tentaremos responder a unha serie de cuestións que nos formula este novo xeito de “ver” arte, no que a participación do público é un requisito imprescindible para “activar” as instalacións. Deste xeito, formularemos e reflexionaremos sobre preguntas como: que é a arte interactiva?; que novos significados adquiren as obras de arte cando somos nós os protagonistas?; como aprendo de min mesmo a través deste tipo de propostas?

Xa a comezos do século XX o papel do espectador na arte sufrira unha radical transformación: de meros espectadores pasivos pasamos a ser espectadores activos, participativos. As novas tecnoloxías dixitais permiten un paso máis, o de converternos en protagonistas de obras que reaccionan ante nós, que adquiren unha ou outra forma visual especificamente proporcionada pola interacción mesma do espectador.

Na visita á exposición ELAS FAN TECH descobriremos diversos tipos de instalacións interactivas que nos permitirán ser protagonistas e, deste xeito, reflexionar sobre nós mesmos. Do proceso persoal de descubrimento que cada participante realiza no seu propio diálogo coas instalacións derivaremos estas reflexións.

Para complementar a visita coñeceremos e experimentaremos coas mesmas tecnoloxías que utilizan as artistas (escritura de código, sensores Kinect, algoritmos de intelixencia artificial, biosensores, etc). Veremos ademais outros proxectos interactivos espectaculares que nos permitirán sondar as posibilidades das novas tecnoloxías dixitais de interacción.