16 Novembro 2013, 16:56

http://istoenormal.org/images/334.jpg

ELAS FAN TECH viaxa a Pontevedra

O proxecto expositivo co que NORMAL abriu este 2013 trasládase ao Campus de Pontevedra.

A inauguración de ELAS FAN TECH na cidade do Lérez terá lugar o vindeiro xoves 21 de novembro ás 12:30 horas. A exposición ocupará a Sala X, o espazo de exposicións do Campus de Pontevedra, pertencente á Universidade de Vigo, desde ese día até o 17 de xaneiro do vindeiro ano.

Producido por NORMAL e comisariado por Anxela Caramés, o proxecto ELAS FAN TECH reuniu o traballo dunha serie de artistas españolas e internacionais que veñen explorando as posibilidades expresivas dos medios tecnolóxicos na súa obra. Doce artistas que entrecruzan o factor lúdico co científico, o humor coa fantasía ou a política, mesturando estética e ciencia en múltiples medios dixitais. Esta exposición, que acolle obras de Yasmina Morán, Inés Parcero, Bego M.Santiago, Anna Katarina Martin, Lilia Villafuerte, Fátima Castaño, Chris Sugrue, Francesca Mereu, Anaisa Franco, Mariana Carranza, Victoria Diehl e Nuria Cano, ocupou a sala de exposicións de NORMAL entre o 21 de xaneiro e o 9 de marzo deste ano.