15 Marzo 2012, 20:00

  • CUBO de NORMAL
  • Entrada libre e de balde
http://istoenormal.org/images/158.jpg

'Escoita! ou a túa voz volvérate tolo', unha conferencia de Chiu Longina

En paralelo á exposición NÓSOMOSÒN, acollemos unha conferencia de Chiu Longina, do colectivo Escoitar.org, baixo o título Escoita! ou a túa voz volvérate tolo. Unha historia breve da hexemonía do ollo sobre a orella.

Se hai algo que caracteriza ao fenómeno sonoro en relación a outros inputs do noso corpo é a súa esencia puramente sensorial e desligada da razón: a experiencia acústica é sensu estrito, tócanos primeiro e pensámola despois, esquiva a razón e sitúase nos dominios do puro pracer físico. Este aspecto particular sumado a algúns momentos históricos relevantes, como a invención da imprenta (promotora do ollo) ou o triunfo da razón sobre a experiencia na sociedade occidental (do hemisferio esquerdo sobre o dereito), construíron unha clara xerarquía de sentidos, unha hexemonía do ollo sobre a orella.

Chiu Longina é antropólogo, artista sonoro e creador de espazos acústicos. Coordina o colectivo Escoitar.org. Membro do equipo de produción das propostas sonoras do Festival de Arte Sonora IFI de Pontevedra (Fac. de Belas Artes/pazo da Cultura), membro do colectivo SINSALaudio de Vigo, da Asociación Alg-a e do Centro de Creación Experimental de Cuenca, na Universidade de Castela-A Mancha. Coeditor dos proxectos en rede Mediateletipos.net e Artesonoro.org. Membro do estudio de proxectos Pumpún Dixital.