17 Novembro 2012, 11:30

http://istoenormal.org/images/286.jpg

ESCOLA SINSAL: obradoiro familiar arredor das músicas para peto

Obradoiro para todos os públicos (pero especialmente o infantil) sobre como facer música con instrumentos que caben no peto. Chocallos, axouxeres, cunchas, tarrañolas, culleres, birimbaos, harmónicas, mbiras,… todos eses instrumentos miúdos son obxectos transportables cos que facer unha morea de músicas.

En Música para o peto, Ariel Ninas fará un percorrido práctico por diferentes instrumentos miúdos que caben no bolso: birimbaos, axóuxeres, harmónicas, reclamos de paxaros, cunchas, castañolas, tarrañolas… mesmo o teléfono móbil!

Instrumentos que caben no bolso, que se poden levar a calquera lugar e que o músico non ten escusa para non levar consigo, xa que factura como equipaxe de man e non paga extra-seat. Instrumentos nos que o límite está na imaxinación de quen toca, non de quen escoita, e que teñen tantas posibilidades sonoras coma o intérprete estea disposto a explorar. Armas de distracción masiva para levar de aquí a acolá, sorprender en calquera momento e defenderse contra o aburrimento. Capaces de encher os momentos libres e ocupar os tempos mortos, feitos para divertir aos vivos, para ensaiar na parada do autobús, para gastar poucos cartos, para todos os públicos, para facer amigos e para compartir.

Para saber de que vai este concepto, mira este vídeo aquí.

OBXECTIVOS:

• Amosar as posibilidades musicais que ofrecen os instrumentos de reducidas dimensións.
• Amosar que a música é unha arma de distracción masiva, unha ferramenta perfecta contra o “aburrimento”.
• Descobrir ao público infantil, audiencia do futuro, que a música é un arte ao alcance de calquera persoa.
• Relativizar o papel da “alta cultura” e reivindicar a música popular como xeito de manifestación artística válida e universal.
• Amosar aos pais e nais que a música é un ben accesible para os petos de calquera economía.
• Chamar a atención do interese das crianzas pola creatividade e desenvolvemento de ap-titudes persoais por medio de obxectos de uso cotián.
• Pasar o tempo a divertirse.

Música para o peto é un obradoiro dirixido a todos os públicos, de 5 anos en adiante, para unha audiencia máxima de 15 unidades familiares.

O prazo de inscrición vai do 30 de outubro ao 16 de novembro, ambos incluídos.

Data: sábado 17 de novembro
Horario: de 11:30 a 12:30 horas
Lugar: sala principal de NORMAL
Prezo: gratuíto (previa inscrición)

Información e inscrición en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org