10 Novembro 2012, 11:30

http://istoenormal.org/images/276.jpg

ESCOLA SINSAL: obradoiro familiar sobre a música enlatada

Xa pasou máis dun século dende que o ser humano escoitou por primeira vez a súa voz saíndo dun cilindro de cera. Moitas cousas pasaron dende entón, e todas elas van ser contadas no obradoiro familiar Historia da Música Enlatada.

Estes son só algúns exemplos das prácticas que se realizarán durante as dúas horas que dura o obradoiro:

• Gravación dun cilindro fonográfico de cera.
• Obradoiro de debuxo e decorado de discos (idea orixinal baseada no deseño dos “Discos Ópticos” de Marcel Duchamp).
• Construción dunha bucina gramofónica e fabricación dun disco personalizado. As orixes do rexistro sonoro. Sucos e ritmos para grandes e pequenos.
• Crebacabezas e collages sonoros; montar e escoitar. Unha viaxe pola obra dalgúns dos grandes artistas do século XX: Lázlo Moholy-Nagy, John Cage, Milan Knizak, Christian Marclay, etc.
• Historia da gramofonía e a súa evolución acústica contando para facelo coa colección privada da Escola Sinsal. Escoitar, ver e tocar un fonógrafo e os seus cilindros, as postais sonoras, os discos flexíbeis, os vinilos de xoguete, o tocadiscos máis pequeno do mundo, os gravadores ou máquinas de ditado, as casetes, os magnetófonos de peto, os tocadiscos de papel, e un sen fin de obxectos curiosos e abraiantes, recuperados pola Escola Sinsal de coleccionistas de todo o mundo para poñelos ao alcance de grandes e pequenos.

OBXECTIVOS:

• Os cativos aprenden a descontextualizar os obxectos e a familiarizarse cun formato, a súa textura, o seu tamaño…
• Entender fisicamente a natureza do audio. Ver, xogar, experimentar, investigar, etc.
• Romper, pegar e compoñer novas obras partindo de discos orixinais.

Historia da Música Enlatada é un obradoiro dirixido a todos os públicos (as crianzas menores de 6 anos deberán ir acompañadas dun adulto), para unha audiencia máxima de 15 unidades familiares.

Os cativos poden traer un mandilón por se dá tempo a pintar discos…

O prazo de inscrición vai do 30 de outubro ao 9 de novembro, ambos incluídos.

Data: sábado 10 de novembro
Horario: de 11:30 a 13:30 (2 horas)
Lugar: sala principal de NORMAL
Prezo: gratuíto (previa inscrición)

Información e inscrición en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org