16 Novembro 2012, 19:30

http://istoenormal.org/images/280.jpg
Juan Adrio

ESPAZO PERFORMANCE: 'Cara pintada', de Janet Novás

Cara pintada, o salto da ra e outras pequenas historias é o título da peza que presenta Janet Novás no ESPAZO PERFORMANCE do Festival SINSAL é NORMAL. Unha obra que fala da esencia, do real e verdadeiro que move o ser humano.

O corpo preséntase neste marco como un obxecto máis, como un recipiente baleiro que se vai enchendo, cargando e transformando até que perde a súa forma e se disolve no seu contido. As emocións viaxan a través dese corpo, que se expón sen medo, co único obxectivo de experimentar o que sucede no momento presente, esgotando as súas posibilidades e deixándoo no abandono.

Unha serie de elementos despréganse ao longo da obra introducíndonos nun mundo persoal que se ve confrontado pola forza e a fraxilidade.

A música, as voces, os obxectos, as luces e sombras forman un xogo imaxinario que se incrusta e prolonga no corpo, desvelando deste xeito as historias que xorden nel, caendo nun estado absurdo, ridículo e surrealista que non se sostén en ningún elemento narrativo.

É a crenza que Janet Novás deposita nas súas accións o que fai que todo cobre sentido. Sen xulgar, sen esperar un resultado final. As emocións mestúranse, fúndense e confúndense, non hai limites para chegar a sentir o que ocorre baixo a pel.

Cara pintada quere invitar ao público a introducirse na intimidade das súas formas, na intensidade dos seus xestos e no segredo que estes ocultan.

FICHA TÉCNICA

• Dirección e interpretación: Janet Novás
• Axudante de dirección: Ricardo Santana
• Música orixinal: Haru Mori
• Vestiario: Juana Rodríguez
• Deseño de iluminación: Pedro Fresneda e Antón Ferreiro
• Técnica de iluminación: Paloma Parra
• Fotografía: Piti Prieto e Juan Adrio
• Duración: 50 min.
• Estrea: Teatro Ensalle (4 de xuño de 2010).

A entrada é libre até completar aforamento.