22 Novembro 2012, 20:30

http://istoenormal.org/images/284.jpg

ESPAZO PERFORMANCE: '(Retro)visor', de Antía Otero e Isaac Garabatos

(Retro)visor parte da feble liña que separa o real da ficción e faise poema escénico tomando a palabra, a música, a acción e a gravación en directo dunha road movie en plano secuencia. Antía Otero e Isaac Garabatos clausuran o ESPAZO PERFORMANCE.

Partindo do libro (Retro)visor, publicado por Antía Otero en Edicións Xerais en 2010, a autora e Isaac Garabatos afrontan a escenificación dos textos partindo da hibridación da escrita cunha atmosfera sonora onde conflúen o vídeo, o Live Cinema, a instalación artística e o poema obxectual.

Unha proposta metaliteraria onde o xogo temporal se desdebuxa, creando unha voz monologada que se separa da propia autoría, para facerse acción e diálogo co público. Un retrovisor polo que mirar cara atrás, valorar e respirar, para poder seguir camiño e construír a verdadeira historia. A confesión prometida que nunca dá chegado.

FICHA TÉCNICA:

• En escena: Antía Otero e Isaac Garabatos.
• Textos, dirección e cámara: Antía Otero.
• Espazo sonoro: Isaac Grabatos.
• Duración: 45 minutos aprox.
• Ano de creación: 2012.
• Espectáculo creado en residencia artística en Normal, o espazo de intervención cultural da UDC.
• Agradecementos: María Rodríguez, Andrés Ibáñez, María Villas.

A entrada é libre até completar aforamento.