25 Maio 2019, 20:00

http://istoenormal.org/images/727.jpg

Festival RESIS 2019 en NORMAL

NORMAL acolle durante o mes de maio, con diferentes actividades, o RESIS, un festival anual de Música Contemporánea e artes relacionadas, que neste 2019 presenta a súa segunda edición.

O acontecemento ven motivado pola necesidade de crear na nosa cidade unha plataforma estable de estrea e difusión da música contemporánea que apoie e difunda o traballo de creación de compositores e intérpretes do noso tempo.

Un punto de encontro próximo e aberto entre creadores e público, no que converxen a música e a creación de vangarda.

VÏDEO INSTALACIÓN SONORA

Cosmos, todo o que está ordenado. Begoña M. Santiago

Presentado por Eva Vieites

Relacións cómplices: vídeo arte, música, danza e arte culinaria. Unha comuñón perfecta para a inauguración desta exposición na que contaremos con:

A vídeo instalación de Begoña M. Santiago, a frauta xaponesa de César Viana, a danza de Luz Arcas e a arte culinaria dos cociñeiros Alhambra: Luis Veira e Álvaro Victoriano.
______________________

O último proxecto de Bego M. Santiago invítanos a mergullarnos na serie Cosmos, todo o que está ordenado, unha colección de cuncas místicas, pantallas líquidas e pozos sen fondo que a través da cine-escultura recolle o testemuño do desbordamento Valdelomariano.

Unha inmersión persoal nas profundidades da Xeometría Sagrada, que se aproxima ao “número idea” dende os seus niveis de lectura estéticos, simbólicos e místicos para crear unha obra líquida sobre a conciencia individual e todo aquilo que a relaciona co cosmos.

Adentrémonos, pois, no seu universo fluído e deixémonos envolver por esta experiencia entre o cine experimental e a arte dixital. (Xisela Franco)

Datas: do 3 ao 30 de maio.
Horario: inauguración o 3 de maio a partir das 20:00 horas.
Lugar: Almacén de NORMAL

PERFORMANCE

A pantasma dun xesto
Artista: Romina Casile
Músico invitado: Marco Maril

Este Encontro-Performance encontra o seu accionar no poema Unha tirada de dados xamais abolirá o azar (Un coup de dés jamais n’abolira le hasard, 1987) de Stéphane Mallarmé.

O proxecto parte da concepción do mencionado texto coma unha especie de partitura. A partir de alí, desprega unha serie de pezas que deveñen sonoras como resultados da reescritura e a tradución como poéticas do facer.

Mediante a reescritura vólvense a escribir as mesmas palabras, pero o sentido é irremediablemente (e imperceptiblemente) distinto. Son palabras que atravesaron un corpo e foron transformadas e voltas a escribir. Neste accionar é onde imprimimos novos sentidos, impregnados de linguaxes intuitivas e asociativas. É ese xesto, invisible á vista, pero substancial no movemento.

Traducir vén do latín traducere, que significa “pasar dun lado ao outro”. Repara na concepción deste termo como forma de expresar, interpretar, converter, mudar algo de forma diferente á que foi expresada. Experimenta en diferentes formas de traducir e neste caso, a tradución funciona como dispositivo de transformación cara a unha manifestación sonora.

Con isto trata de indagar nos desprazamentos, transferencias, efectos e ecos que se van producindo no traspaso dun xesto a outro. Poñendo ao descuberto as posibles refraccións que un texto pode esconder.

Datas: 10 de maio.
Horario: a partir das 20:00 horas.
Lugar: Almacén de NORMAL

CONCERTO

FLUXO establece en sucesión catro composicións de ensemble articuladas por tres intervencións de solistas e electrónica en vivo. Tres destas composicións están vinculadas ás artes plásticas: Recerques Sonores de Ángela Gómez toma como referencia a obra da artista alacantina Juana Francés (Alacant 1924-Madrid, 1990); Victor Ibarra (México, 1978) a través do seu Homenaxe ao pintor mexicano Francisco Toledo (Juchitán, 1940); e Flow, de Arturo Corrales (El Salvador/Suiza, 1973) está inspirada na obra do salvadoreño Rodolfo Oviedo Vega (San Salvador, 1980).

O tránsito entre estas tres composicións de ensemble realizarase con dúas pezas do ciclo Die Wanderung de Lula Romero (España, 1976), gravadas recentemente por Vertixe Sonora para o selo WERGO.

Programa

Ángela Gómez (España, 1991) Recerques Sonores (2019)
Ensemble

Lula Romero (España, 1976) Die Wanderung III (2016-17)

Violonchelo e electrónica en vivo

Víctor Ibarra (México, 1978) Homenaxe a Francisco Toledo (2014)
Saxofón e ensemble

Lula Romero (España, 1976) Die Wanderung IV (2016-17)

Frauta e electrónica en vivo

Arturo Corrales (El Salvador/Suiza, 1973) Flow (2019)
Violín e ensemble amplificados

Datas: sábado 25 de maio.
Horario: a partir das 20:00 horas. Entrada de balde até completar capacidade.
Lugar: Paraninfo da Universidade da Coruña