24 Outubro 2012, 10:32

http://istoenormal.org/images/268.jpg

Festival SINSAL é NORMAL

Ao longo dun mes de programación, con case vinte actividades proxectadas, o Festival SINSAL é NORMAL organizará diferentes espazos de creación onde a música conectará con outras disciplinas: o cine doméstico, a fotografía, a literatura, o coleccionismo, a arte plástica, a danza, a radio, o vídeo…

Un novo concepto de Festival, de intervención, de colaboración, de participación. Un festival á carta, aberto á colectividade, en progresión e itinerante. Unha proposta pensada para a rede social e que debe empezar, ou rematar, nela. Porque SINSAL é NORMAL é un espazo de relación e comunicación.

SINSAL é NORMAL é un festival cuxo obxectivo principal é romper a liña do tempo. Pensado desde o presente para revivir o pasado e proxectar o futuro. Intervimos coas novas tecnoloxías na recuperación, valor e exhibición do pasado, actualizando as emocións dun tempo remoto como novo incentivo na sociedade dixital da nosa era. Trátase de expor as sensibilidades doutra época partindo dun discurso contemporáneo da arte e, ademais, xerando documentación por e para a cidadanía, de hoxe e de mañá.

Buscar, experimentar, crear, documentar, conservar, son algunhas das accións vivas que estarán presentes en cada unha das seccións abertas de SINSAL é NORMAL. Un conxunto de propostas onde a música adquire outro protagonismo máis aló da sala de concertos efémera. Porque SINSAL É NORMAL nace coa necesidade de innovar fronte a un modelo esgotado de exhibición que fixo da representación un evento pasivo.

Se a cultura é unha necesidade, non o é menos xerar espazos de encontro. Entendemos que, nos tempos actuais, a oferta cultural debe favorecer e potenciar este tipo de plataformas abertas á socialización. É unha prioridade romper as barreiras conceptuais e xestionar diferentes posibilidades que impliquen a públicos alleos á cultura especializada.

Ao longo dun mes de programación, con case vinte actividades proxectadas, o Festival SINSAL é NORMAL organizará diferentes espazos de creación onde a música conectará con outras disciplinas: o cine doméstico, a fotografía, a literatura, o coleccionismo, a arte plástica, a danza, a radio, o vídeo, etc. Todas as artes terán o seu punto de encontro en sucesivas aparicións dentro dos escenarios: Laboratorio; Súper 8, Escritorio, Escola Sinsal, Performances, Club Sinsal, etc. Diferentes nomes dun único festival: SINSAL é NORMAL.

SINSAL é NORMAL non é un festival pechado. Nace co obxectivo principal de unir públicos. Persoas que non están interesadas na música, poden participar nunha experiencia diferente aportando o seu soporte visual. Por iso, varios dos escenarios están abertos á participación pública. O escenario de música ambiental (ou experimental) pode ser a banda sonora perfecta para acompañar a eses negativos de fotografía gardados na casa que positivaremos outra vez en directo. Por outra banda, se o interese está no cine doméstico, coleccionaremos películas de Super8 familiares que proxectaremos mentres grupos locais interpretan a súa música. En cada unha destas actividades, as persoas poderán participar aportando o seus negativos de fotografía ou películas de Super8, segundo unha convocatoria aberta a toda a cidadanía.

• 24 de outubro, 20.00h
Inauguración do Festival SINSAL é NORMAL, coa apertura da exposición O disco é NORMAL.

ESPAZO PERFORMANCE
20.30h: Performance-cinema de La Brecha (Rodrigo Losada, Marcos Nine, Bettina Korten, Ximena Losada, Elena Duque e Miguel Mariño ).

• 25 de outubro, 19.30h
ESPAZO ESCRITORIO: DEBATE
Lingua, música e literatura en Galicia: Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro.

• 31 de outubro, 20.30h
ESPAZO SÚPER8
Cine Súper8 en directo co concerto de Nouvelle Cuisine.

• 2 de novembro, 20.30h
ESPAZO LABORATORIO
Laboratorio de Fotografía coa música experimental en directo de Like Drone Razors Through Flesh Sphere.

• 5 de novembro, 19.30h
ESPAZO ESCRITORIO: DEBATE
Escribir sobre música: David Saavedra e Javier Becerra.

• 7 de novembro, 19.30h
ESPAZO ESCRITORIO: DEBATE
A música na literatura galega: Mario Regueira e Xesús Fraga

• 8 de novembro, 20.30h
ESPAZO LABORATORIO
Laboratorio de fotografía coa música experimental en directo de Roberto Mallo

• 9 de novembro, 19.30h
ESCOLA SINSAL: CONFERENCIA
Conferencia sobre O disco é NORMAL con Anki Toner (Barcelona) e Julio Gómez, de Sinsalaudio.

• 10 de novembro, 11.30h
ESCOLA SINSAL: OBRADOIRO FAMILIAR
Obradoiro da Escola Sinsal para públicos familiares sobre a Historia da música enlatada.

• 10 de novembro, 20.30h
CLUB SINSAL: MÚSICA INTERNACIONAL
Actuación do artista francés Michel Cloup (Dúo)
entrada: 5 Euros

• 12 de novembro, 19.30h
ESPAZO ESCRITORIO: DEBATE
A literatura na música galega: Daniel Salgado e Xurxo Souto

• 15 de novembro, 20.30h
ESPAZO SINSAL CLUB: MÚSICA INTERNACIONAL
Actuación do grupo holandés The Ex
entrada: 10 Euros

• 16 de novembro, 19.30h
ESPAZO PERFORMANCE
Danza-Performance. Cara Pintada (Janet Novás)

• 16 de novembro, 20.30h
ESPAZO SÚPER8
Cine Super8 en directo co concerto de Mano de Obra

• 17 de novembro, 11.30h
ESCOLA SINSAL: OBRADOIRO PÚBLICO FAMILIAR
Obradoiro da Escola Sinsal para públicos familiares con Músicas para Peto de Ariel Ninas

• 19 de novembro, 20.30h
ESPAZO LABORATORIO
Laboratorio de Fotografía coa música experimental en directo de Miguel Prado

• 22 de novembro, 20.30h
ESPAZO PERFORMANCE
Perfo-poesía. Retrovisor, de Antía Otero e Isaac Garabatos.

• 23 de novembro, 20.30h
ESPAZO SÚPER 8: CLAUSURA
Cine Super8 en directo co concerto de Ulrica.

Todas as actividades son gratuítas, agás os concertos de música internacional do CLUB SINSAL.