22 Outubro 2016, 10:00

http://istoenormal.org/images/578.jpg

Hackathiño de datos abertos

O 22 e 23 de outubro NORMAL transfórmase na residencia do Hackatiño, unha actividade que forma parte do programa Coruña Dixital.

O hackatiño é un hackathon pero máis noso.

Organizado da man dos colectivos de programadores GPUL, Árticos e o GDG Coruña, buscamos abrir os datos das comunidades locais, asociacións, colectivos, pemes, etc. para mostrar as aplicacións de interese social que se poden desenvolver a partir da información aberta.

Un hackathon ou hackatón, é un termo usado para referirse a un encontro de programadores cuxo obxectivo é o desenvolvemento colaborativo de software, aínda que en ocasións pode haber tamén un compoñente de hardware. O termo integra os conceptos de maratón e hacker, aludindo a unha experiencia colectiva que persegue a meta común de desenvolver aplicacións de forma colaborativa nun lapso curto.

A quen vai dirixida esta actividade?

1) Programadores, deseñadores de aplicacións e apaixoados do código.
A idea é pasar dous días en equipo creando un prototipo de proxecto tecnolóxico que aproveite datos de fontes abertas, todo nun ambiente colaborativo no que aprender e pasar un bo rato.

Nun inicio expoñeranse as distintas fontes e ideas sobre as que se pode traballar libremente. Cada un escollerá o proxecto no que participar e faremos equipos. Pasarás a fin de semana currando, aprendendo e coñecendo xente! Ao final presentaredes o voso proxecto, os mellores teñen premio ;)

2) Son unha peme, colectivo, asociación ou entidade con fins sociais e quero liberar os meus datos.

Non dubides en escribirnos a ola@corunadixital.gal para aclarar calquera dúbida ou contarnos en que estás a pensar, aínda que sexa unha idea moi inicial. Tamén podedes ver aplicacións feitas grazas a fontes abertas ou propoñer ideas directamente no FORO do Hackathiño, pero adiantámosvos aquí distintas maneiras de participar aínda que non sexades programadores/as:

- Igual podedes presentar unha idea de proxecto e convencer aos desenvolvedores para traballar en ela durante o evento e así liberar e comezar a aproveitar os teus datos.
- Se tedes interese en liberar os datos pero non os coñecementos técnicos, no Hackatiño é posible que atopedes quen poida botar unha man.
- Podedes pasarvos en calquera momento polo evento, seguro que podedes ver exemplos prácticos e aprender moitas cousas.
- Tamén teremos algunha charla introdutoria sobre os datos abertos o sábado pola mañá, por se queredes iniciarvos.
- Podedes ver ou propor ideas directamente no FORO do Hackathiño.

Tes toda a información da inscrición nesta ligazón.