31 Outubro 2013, 17:00

http://istoenormal.org/images/366.jpg

Iniciación á creación literaria

Obradoiro de reflexión e práctica sobre a obra literaria dirixido ao alumnado sénior.

Somos moitas as persoas que nos marabillamos coa aparente sinxeleza das mellores obras literarias. Esas obras que logran emocionarnos sen que acabemos de saber ben por que e nas que intuímos que o autor usou unha fórmula persoal para escribir sobre un tema, elaborar un argumento e plasmalo nun discurso literario no que non sobra nin falta unha palabra. Sabemos, ao mesmo tempo, que para escribir algo así non abonda con elaborar unha boa redacción, senón que ademais é preciso imbuír de maxia as palabras.

Neste curso de creación literaria partiremos desde o primeiro momento de casos prácticos que nos axudarán a descubrir que a maxia da literatura non é un misterio insondable, senón que obedece a recursos concretos que un lector atento pode converter en propios. Nesta liña, os participantes estarán a traballar constantemente nas súas propias creacións literarias e poderán enmarcalas no xénero da súa preferencia. O curso constará nunha sesión de unha hora e media por semana.

Prácticas e contidos:

- As sesións serán prácticas desde o inicio.

- Fomentaremos a ollada persoal na interpretación das obras literarias.

- Traballaremos para descubrir as mellores cualidades persoais.

- Atenderemos as preferencias estéticas de cada participante.

- Algunhas das prácticas poderán ser: escritura automática, cadáver exquisito, poema e relato colectivos, relato sobre unha historia familiar ou anécdota real, relato fantástico, textos paródicos, microrrelatos, haikus, poemas de ocasión, temáticos, etc.

- Distinguiremos os diversos elementos do discurso: a estrutura do argumento, os puntos de vista, as personaxes, as descricións, as comparacións e as metáforas, así como a sonoridade do discurso e a precisión do vocabulario, entre outros aspectos.

- Coñeceremos os erros máis comúns, como a redundancia, o exceso de retórica, o plaxio, etc.

Os materiais básicos necesarios son: intuición, vontade, ferramentas de escritura persoal, tempo, improvisación, sensibilidade e paciencia. Poderase crear un blog onde se podan compartir privada e/ou publicamente os traballos dos participantes, segundo a vontade individual.

Imparten este curso Alfredo Ferreiro Salgueiro e Tati Mancebo.

Alfredo Ferreiro Salgueiro (A Coruña, 1969) é licenciado Graduado en Filoloxía Hispánica pola Universidade da Coruña. Autor en lingua galega de varios libros de poesía individuais e colectivos, é colaborador en revistas literarias galegas e portuguesas, en poesía e relato curto. Membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e consultor tecnocultural nas áreas da edición web e do libro dixital.

Tati Mancebo López (A Coruña, 1969) é licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela. É autora en lingua galega de libros de poesía individuais e colectivos. Colabora en revistas literarias galegas e portuguesas e é membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Consultora tecnocultural nas áreas da edición web e do libro dixital, é formadora de formadores para varias institucións públicas e privadas.

Datas: todos os xoves desde o 31 de outubro de 2013.
Horario: de 18:00 a 19:30 horas.
Lugar: aula de obradoiros de NORMAL.
Prezos: 35€ comunidade universitaria da UDC (25€ en segunda matrícula) / 55€ público xeral (45€ en segunda matrícula)

O prazo de matrícula comeza o día 14 de outubro. A autoliquidación realizarase nas oficinas da Área de Cultura en NORMAL.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org