11 Xaneiro 2014, 09:00

http://istoenormal.org/images/395.jpg

Instrucións para esquecer-se

Aitana Cordero imparte este obradoiro de movemento e investigación escénica organizado en colaboración con Danesga e A Casa Tomada. Xa está aberta a inscrición!

Aitana Cordero propón un lugar no que borrar a memoria, tentando esquecer ou tentando non lembrar como un corpo é percibido, como debería comportarse, como aprendeu a moverse, a organizarse fisicamente e relacionarse con outros corpos.

Esquecer como estratexia para ser máis accesible e redefinir técnica, movemento e encontros. Esquecer como estratexia para construír e xerar movemento e novos vocabularios, explorando os límites do descoñecido, negociando co peso e o poder do coñecido.

Proponse un lugar onde buscar, aceptar e utilizar a perda: a perda do control, a perda da forma, de expectativas, de significados… Ollar corpos que conseguen ser algo distinto ao que sempre foron, corpos que aceptan non ter o control, corpos que non deciden, corpos que reaccionan, que se entregan ao presente continuo, corpos capaces de non ser…

FORMA DE TRABALLO E METODOLOXÍA

Este é un obradoiro-experiencia-investigación onde a técnica e a práctica serán os principais protagonistas. Estará estruturado en tres partes, onde se combinarán e explorarán diferentes técnicas de danza contemporánea, diferentes achegamentos ao corpo e á presenza, a diferentes técnicas, como a Alexander e a Feldenkrais, e outras disciplinas (artes marciais) como o Judo, o Aikido e o Tuisou.

PRIMEIRA PARTE
Un adestramento enerxético, unha práctica moi técnica e esixente onde o alumnado terá que enfrentarse co cansazo e a concentración e onde se desenvolverá forza, resistencia, sensibilidade sinestética, coordinación, flexibilidade e motivación.

SEGUNDA PARTE
Unha parte “laboratorio”, onde realizaremos exercicios, experiencias e experimentos en diferentes espazos, contextos e situacións onde os alumnos terán que enfrentarse a ser vistos, a ter que comunicar e a ter que comunicarse. Exercicios onde os participantes terán que solucionar creacións en tempo real, onde aprenderán estratexias de improvisación e xogarán con dous conceptos principais: o da actualización e o de ser accesibles.

PARTE FINAL
Onde estudaremos secuencias de estiramentos e manipulacións en parellas para entender as lóxicas e mecanismos do corpo.

A QUEN ESTÁ DIRIXIDO

Este obradoiro está dirixido a bailaríns, actores, performers, creadores e a calquera persoa interesada no corpo, o movemento, a interpretación e a exploración, sen necesidade de ter formación previa.

Datas: 11 e 12 de xaneiro de 2014.
Horario: de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Lugar: aula de Danza de NORMAL.
Prezos: Até 12 persoas: 75€ / 55€ comunidade universitaria da UDC e desempregados.
Prezos: De 13 a 20 persoas: 65€ / 55€ comunidade universitaria da UDC e desempregados.
Prezos: Máis de 20 persoas: 55€ / 45€ comunidade universitaria da UDC e desempregados.
Inscricións en: info.danesga@gmail.com ou en 679 110 080.
Prazo de inscrición: do 26 de decembro ao 6 de xaneiro.

QUEN É AITANA CORDERO?

Aitana Cordero naceu en 1979 en Madrid. Yudoca durante 10 anos, en 1998 decide cambiar o rumbo dos seus intereses atraída pola linguaxe da danza. Despois de varios anos estudando diferentes técnicas de danza contemporánea, en Agosto de 2001 instálase en Ámsterdam onde se gradúa, despois de 4 intensos anos, en xuño de 2006, na SNDO (Universidade para o desenvolvemento da danza e a composición escénica). Posteriormente realiza o Máster en Coreografía e novas tecnoloxías “Dance Unlimted”, na Escola Superior para as artes Escénicas “Hogeschool voor the kunsten” tamén na capital holandesa.

Dende 2002 desenvolve os seus propios proxectos (12 pezas, 3 colaboracións interdisciplinares, 4 instalacións e 3 curtametraxes), que foron presentados entre outras cidades en Madrid, Barcelona, Ámsterdam, Berlín, Amberes, Nova York, Shangai, Montevideo, Buenos Aires e Beirut. Entre algúns dos coreógrafos cos que colaborou encóntranse Emio Greco, La Ribot, Benoit Lachambre, Tim Etchells, Jonathan Burrows, Boris Charmatz, David Zambrano, Takashi Iwaoka, Pere Gay e Lina Issa.

Compaxina as súas investigacións e traballos artísticos cunha intensa labor docente en distintas escolas privadas e Universidades de España, Francia, Gran Bretaña, Líbano e Holanda, traballando con bailaríns profesionais, actores, deportistas e con xente sen ningunha experiencia corporal ou “dancística” previa.

ORGANIZAN:

Esta actividade está organizada polo Colectivo DANESGA en conxunto con A CASA TOMADA, coa colaboración de NORMAL.

DANESGA é un colectivo horizontal que agrupa a diferentes persoas relacionadas coas artes do movemento en Galicia, desenvolvendo diferentes actividades dentro dos eixes de investigación, formación e visibilización, entre outros.

A CASA TOMADA é un espazo social de intervención artística, autoxestionado e sustentábel situado dentro da estación de ferrocarrís de San Cristobal, na cidade da Coruña.