21 Xullo 2011, 19:29

  • Cubo de NORMAL
  • Entrada libre e de balde
http://istoenormal.org/images/87.jpg
Philip Glass, autor da música de Koyaanisqatsi

Koyaanisqatsi

O filme forma parte dunha triloxía que comprende as películas Koyaanisqatsi, Powaqqatsi (1988), e Naqoyqatsi (2002).

de Godfrey Reggio, 1982. O filme forma parte dunha triloxía que comprende as películas Koyaanisqatsi, Powaqqatsi (1988), e Naqoyqatsi (2002). Todos os títulos proveñen da lingua dos indios Hopis (antigos habitantes da meseta central dos EUA); Koyaanisqatsi significa “vida desequilibrada”, Powaqqatsi “vida en transformación”, e Naqoyqatsi “a vida como guerra”. Estamos diante dun documental experimental de carácter moi singular, no que Reggio e os seus colaboradores, Philip Glass (música) e Ron Fricke (fotografía e montaxe), invertiron sete anos para a súa producción. O filme supón unha experiencia audiovisual cercana ás sinfonías visuais da vangarda alemana (Berlín, sinfonía dunha cidade, Walter Ruttman, 1927) ou soviética (O home da cámara, 1929 ou Sinfonia do donbass, 1931 de Dziga Vertov) onde ten tanta importancia o que se mostra como a propia articulación formal do discurso, que funciona por asociacións, evocacións e sinécdoques realizadas mediante unha montaxe puntuada pola presenza protagónica da música minimalista de Philip Glass. Non hai, por tanto un tema a desenvolver de xeito tradicional, con presentación-nó-desenlace, senón variacións e combinacións musicais e visuais que funcionan a través de oposicións binarias (orden/caos; natureza/cultura; conservación/destrucción; lentitude/velocidade, etc.) que articulan o paso, en palabras do director, “[d]o maior acontecimento quizáis de toda a historia: a superación de toda a natureza ou do entorno natural como hóspede da vida humana, en favor dun medio tecnolóxico, dunha tecnoloxía de masas”.