16 Outubro 2012, 08:03

http://istoenormal.org/images/263.jpg

La Brecha

O proxecto artístico multidisciplinar de La Brecha desembarca en NORMAL cunha instalación e dúas accións que explorarán o límite entre materiais considerados lixo e materiais utilizables nunha obra de arte.

Onde está o límite entre materiais considerados lixo e materiais utilizables nunha obra de arte? Para o proxecto La Brecha eses límites existen unicamente na nosa percepción.

Así como existe un mundo do coñecido, do estable, do lóxico, do correcto, un mundo suxeito á aprobación xeneralizada de si mesmo, existe igualmente un mundo descoñecido, convulso, caótico, un mundo do non nomeado, temido, e que, ao mesmo tempo, nos seduce e atrae. A sociedade na que vivimos oriéntanos cara a practicidade e a eficiencia, incúlcasenos a asunción de métodos enfocados á eficacia, sen embargo nesa continua depuración somerxémonos nun proceso de continua obsolescencia no cal relegamos constantemente procesos e materiais á categoría de lixo, ao mundo do inservible, o invisible, o que non merece ser tido en conta.

A evolución constante dese “usar e tirar” materiais converteuse nunha “muralla”, un límite infranqueable que nos impide ver a riqueza de todo o que desbotamos. La Brecha é o resultado das accións de ataque contra esa muralla, é unha fenda que nos permite ver parcialmente o que hai do outro lado e devolver a vida a elementos que foron negados e botados deste mundo.

Así, La Brecha toma forma como un proxecto artístico multidisciplinar e expansivo. A través de pequenos collages feitos en filminas a partir de distintos residuos de outros procesos, La Brecha explora as posibilidades dos materiais cuestionándose así os criterios de utilidade, eficiencia ou validez dunha determinada materia para o traballo creativo.

Durante a súa residencia en NORMAL, explorarán as reaccións de materiais translúcidos a distintos procesos de degradación. Esta degradación cuantifícase e documéntase para a súa posterior aplicación a series de collages, soporte fílmico de formatos sub-estándar (Super-8, 16mm) ou representacións do proxecto en vivo (Live Cinema).

La Brecha é un proxecto de Marcos Nine e Rodrigo Losada, Bettina Korten, Ximena Losada, Elena Duque e Miguel Mariño.